O Concello do Incio contará cun novo proxecto turístico cofinanciado con axudas que priman as aldeas modelo

Casa-do-Corral-64Xoves, 13 de xuño de 2024.- O Concello do Incio contará o vindeiro mes de xullo cun novo proxecto turístico que foi financiado coas subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Estas axudas primaban os proxectos que se desenvolvan no perímetro que conforma a zona de actuación integral dunha aldea modelo, segundo figure na correspondente declaración, tanto para o caso de investimentos destinados á mellora, ampliación e/ou modernización de empresas existentes, como para o caso da posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas.

Trascastro, primeira aldea modelo da provincia
Trascastro foi a primeira aldea modelo da provincia de Lugo, unha declaración que obtivo por parte da Xunta de Galicia no ano 2019.

Agora, unha emprendedora nacida na aldea, Paloma Gallardo, decidiu solicitar as axudas que ofrece o Goberno galego para poñer en marcha dous apartamentos turísticos rurais na casa familiar que os seus antepasados mercaron tras volver da emigración en Cuba.
O proxecto, que leva por nome ‘Casa do Corral’ oferta dous apartamentos nunha vivenda familiar completamente rehabilitada e renovada pensada para aqueles viaxeiros “amantes da natureza e dos animais”.

Os apartamentos ocupan parte da casa da que toman o seu nome. Na outra, viven Paloma e o seu marido, tras recuperar o inmoble no que naceu e no que pasou a súa infancia e que, posteriormente, estivo algúns anos abandonado.

Unha escapada nunha contorna incomparable
Paloma explica que os turistas se van poder aloxar nunha construción feita en mampostería de lousa que data de 1835 emprazada nun paraxe de gran beleza natural no val do río Cabe. “Van poder desfrutar duns días de relaxación rodeados de enormes prados e gran arboredo no corazón do Incio”, precisa.

Ademais de ofrecer todas as comodidades, como habitacións completamente equipadas, salón-comedor, cociña completa, cheminea, wifi, televisión, aparcamento e recarga de coches eléctricos, no aloxamento tamén se aceptan mascotas.

Un dos apartamentos leva por nome ‘As Tullas’ e ofrece aloxamento para 4 persoas de máximo. No outro, ‘O Corredor’ collen tres persoas de máximo.

As reservas poden facerse xa a través da páxina web www.casadocorral.com.

Desde o Concello do Incio saúdan esta nova iniciativa e agradécenlle á súa promotora a súa posta en marcha como un novo espazo co que aumentar a oferta turística da zona e seguir atraendo visitantes á localidade.

O Concello do Incio acondicionará e rehabilitará o lavadoiro do núcleo de Hospital

lavadoiro (3)Xoves, 25 de abril de 2024.- O Concello do Incio levará a cabo nas vindeiras semanas a rehabilitación e acondicionamento do lavadoiro do núcleo de Hospital. A Xunta, a través de Turismo de Galicia, concede a esta actuación 29.469 euros no marco das axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Esta actuación busca a integración dos elementos que conforman o patrimonio etnográfico, neste caso o lavadoiro de Hospital, que se atopa no núcleo rural do mesmo nome, a escasos metros da igrexa de San Pedro Fiz de Hospital: Igrexa románica de finais do século XII, declarada Ben de Interese Cultural.

As obras van consistir na rehabilitación do lavadoiro e o acondicionamento da contorna, coa pavimentación do acceso ao mesmo e a integración do lavadoiro no espazo público do núcleo.

En detalle
A intervención vaise centrar na rehabilitación do lavadoiro, repoñendo a cuberta de madeira de castiñeiro e lousa reparando os muros, acondicionamento da contorna e o acceso á mesma para favorecer a súa funcionalidade e integración na vida do propio núcleo.

O prazo de execución dos traballos será de tres meses.