
A cantante do Incio Lucía Pérez será a pregoeira da segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta, que se celebrará o sábado 14 de marzo no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba. O Concello do Incio organiza esta cita tras a boa acollida da primeira convocatoria, co obxectivo de seguir poñendo en valor este produto autóctono e consolidar o evento dentro do calendario gastronómico galego.
O pregón terá lugar ás 14:00 horas. A elección de Lucía Pérez responde ás súas fondas raíces no municipio e á súa consolidada traxectoria musical, levando o nome do Incio por escenarios de dentro e fóra de Galicia.
Xunto a ela, o humorista David Amor exercerá como embaixador do evento, achegando apoio e visibilidade a unha xornada que suma gastronomía e promoción do rural.
Programa da xornada
A programación dará comezo ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada coa colaboración de Bruno Lovelle. Durante esta sesión previa serviranse petiscos gourmet elaborados con Porco Celta como aperitivo.
Ás 14:00 horas terá lugar o pregón a cargo de Lucía Pérez, e a continuación, ás 15:00 horas, dará comezo o xantar. O menú terá como prato principal o cocido, seguido de queimada con conxuro.
Ás 18:00 horas haberá concerto do grupo Deloreans, con versións indie, pop e rock. Xa pola noite, ás 20:00 horas, celebrarase cea con iscos ao espeto e, a continuación, noite con destilados de selección e combinados.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, sinalou que esta segunda edición dá continuidade a un proxecto que naceu co propósito de reforzar a identidade gastronómica do municipio e apoiar un sector como é o do Porco Celta. Ademais, incidiu en que a intención é que o evento medre de forma sostida, gañando proxección e consolidándose como unha referencia dentro das citas gastronómicas da provincia e de Galicia.

Venda de entradas
O Concello abriu onte o prazo de reservas para participar no II Cocido Gourmet Porco Celta do Incio. As mesas poden reservarse chamando exclusivamente ao Concello do Incio, por orde de chamada ata esgotar as prazas dispoñibles.
As mesas son preferentemente para 12 comensais e teñen un prezo de 50 euros por persoa. Tamén se poderán reservar, ao mesmo prezo, os ocos soltos que queden libres. No caso de completarse o aforo, elaborarase unha lista de agarda.
A reserva considerarase formalizada unha vez efectuado o pagamento no prazo máximo de tres días; de non realizarse, a mesa quedará liberada. O pago poderá facerse en efectivo no Concello do Incio ou mediante ingreso no número de conta que se facilitará no momento da chamada.
Para máis información e para formalizar as reservas, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello do Incio a través do teléfono 982 42 70 14.
O Concello do Incio agradece a colaboración das empresas locais, así como de Asoporcel, Bruno Lovelle e a Xunta de Galicia.

