O Goberno municipal do Incio consegue o compromiso do Pleno para que a Deputación destine 250.000 euros á rehabilitación da Casona

casonaincioLuns, 30 de decembro de 2024.- O Goberno municipal do Incio conseguiu o compromiso do Pleno para que a Deputación de Lugo destine 250.000 euros á rehabilitación da Casona.

A Corporación aprobou por unanimidade a moción que presentaron os socialistas cunha emenda de engádeda do equipo de Goberno na que solicitan que a Deputación achegue os fondos pendentes comprometidos xa no ano 2015.

A iniciativa dos socialistas propuña reclamar a cesión da Casona da Cruz do Incio ofrecida pola Deputación de Lugo, actual propietaria do inmoble, así como a petición a outras administracións de fondos para a súa rehabilitación.

Emenda aprobada por unanimidade
No transcurso do Pleno extraordinario celebrado esta mañá o Goberno municipal presentou unha emenda á proposta dos socialistas, que foi aprobada por unanimidade, polo que lle darán traslado á institución provincial para que poida cumprir co acordo.

O Goberno local fixo esta petición en base a unha visita dos membros da Deputación ao Concello do Incio no ano 2015 na que avanzaban que “ese mesmo ano” se porían en marcha os traballos de remodelación de dito inmoble, que contarían cun presuposto inicial de 250.000 euros do organismo provincial.

Unha información que aínda hoxe se pode consultar na páxina web da institución provincial: https://deputacionlugo.gal/es/node/61982.

Tal e como explica o alcalde do Incio, Héctor Corujo, “nós aceptamos a cesión do inmoble, para o que recuperaremos o polígono que afecta a esta propiedade e farémonos cargo do proxecto, que terá un uso social, e reclamaremos que a Deputación de Lugo cumpra a súa parte do acordo coa cesión deses 250.000 euros”.

“Agora temos un acordo firme do Pleno que así o demanda, polo que agardamos que nesta ocasión a institución provincial e os socialistas cumpran co acordado e non quede en papel mollado, como nas anteriores ocasións”, precisou.

O Concello do Incio dá un paso máis na aprobación definitiva do PXOM

Luns, 12 de decembro de 2022.- O Concello do Incio deulle hoxe o visto bo nunha sesión de Pleno extraordinaria á terceira aprobación provisional do PXOM. A proposta foi aprobada por unanimidade. O Goberno local fixo a segunda aprobación provisional a finais do ano pasado, e unha vez enviada á Xunta, desde o Goberno autonómico requiriron novas informes sectoriais como paso previo á súa aprobación definitiva.

Unha vez obtidos os informes dos correspondentes organismos, e realizadas as modificacións menores que indicaban, procedía unha terceira aprobación provisional polo Pleno, como paso previo antes de remitir de novo o PXOM á Xunta para que o Goberno autonómico poida pronunciarse sobre a aprobación definitiva do documento.

Así, o Concello do Incio, incorporados os informes pendentes ao expediente administrativo e solucionadas as deficiencias técnicas que apareceron froito destes novos informes, informado favorablemente polo técnico municipal en data 5 de decembro de 2022, procedeu hoxe a unha nova aprobación provisional para a súa posterior remisión á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo para que resolva, se procede, sobre a aprobación definitiva.

Fase de alegacións
Durante o trámite de información pública, foron presentadas 132 alegacións por parte de persoas interesadas, que foron resoltas polo Pleno da Corporación Local en data 12 de maio de 2017, resultando aceptadas na súa integridade 61 (46.21%), parcialmente aceptadas 42 (31,82%) e rexeitadas 29 (21,97%).

Un paso importante froito do compromiso cos veciños
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, amosa a súa satisfacción ante este “paso importante” para a aprobación do plan e recorda que un dos compromisos cos veciños e veciñas era facer todo o traballo preciso para ter o documento aprobado neste mandato”.
O rexedor recorda que a revisión comezou a tramitarse hai máis dunha década para reducir o solo urbano e, en consecuencia, rebaixar as cantidades que os veciños e veciñas deben pagar en concepto de IBI.