Actuacións que levou a cabo o Concello do Incio con cargo ao Plan Único 2023

Plan Unico 2023O Concello do Incio, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos 2023, está a levar a cabo durante este ano 2023 diferentes investimentos, algúns xa rematados e outros en execución ou pendentes de executar.

As actuacións, cun orzamento conxunto de 204.363,38 €, consisten na súa maioría no acondicionamento e mellora da pavimentación de varios viais municipais, mellorando os accesos a diferentes núcleos de poboación. Tamén se investiu na construcción de diversos muros de contención en viais municipais.

A relación detallada de investimentos é:
– Construción de muro en vial de acceso a Noilán.
– Construción de muro en vial de acceso a Teimoi.
– Pavimentación de accesos a Santa Cristiña.
– Construción de muro en vial de acceso a Vilarxoán.
– Reconstrución obra de paso en vial de Vilademouros – Santalla.
– Pavimentación de acceso ao cemiterio de A Cervela.
– Acondicionamento e mellora de accesos a Bardaos e Goó.

Actuacións que levou a cabo o Concello do Incio con cargo ao Plan Único 2022

Plan Unico 2022O Concello do Incio, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022, levou a cabo diferentes investimentos durante os anos 2022 e 2023, xa rematados ou nas últimas fases da súa execución.

As actuacións, cun orzamento conxunto de 207.087,48 €, consistiron na súa maioría no acondicionamento e mellora de diferentes viais municipais, mellorando os accesos a diferentes núcleos de poboación. Tamén se investiu na adquisición dun xeófono para a detección de fugas na rede de abastecemento.

A relación detallada de investimentos é:
– Adquisición dun xeófono
– Pavimentación do vial municipal Outeiro – Pacios
– Acondicionamento e mellora de camiño municipal Foilebar – Trascastro
– Acondicionamento e mellora de acceso a Saa
– Acondicionamento e mellora de accesos aos núcleos de Piornedo, Teimoi, Noceda, Outeiro e Cervela

O Concello do Incio, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Excma. Deputación Provincial de Lugo, dedicou un total de 20.000 € ao programa cultural, 5.000 € ao programa de deportes e 5.000 € a turismo

plan unico 2022O Concello do Incio contou na anualidade 2022 cun total de 30.000 € procedentes do Plan Único 2022 para a realización de diversas actividades culturais, actividades deportivas e promoción turística.

Programa cultural:
Con cargo a este programa, colaborouse na organización da XVIII edición do festival “Terra Brava”, celebrado o día 13 de Agosto na Cruz do Incio e para o que se destinou unha partida de 5.000,00 €.
Así mesmo, leváronse a cabo clases de música tradicional (música en movemento, percusión e gaita) para nenos e adultos na Cruz do Incio, fomentando así a cultura tradicional galega. Para esta actividade destinouse unha partida do Plan Único por un total de 3.500,00 €.

Un ano máis, tamén se colaborou na edición, deseño e impresión da revista cultural “Os Fanagueiros” cun total de 1.500,00 €.
Por último, púxose en marcha ao longo do ano 2022 un “circuito cultural nas parroquias”, achegando diversas actividades culturais a diferentes puntos do Concello, o que supuxo unha partida total de 10.000,00 €. Con cargo a este programa celebrouse unha festa infantil na Cruz do Incio, o espectáculo “Rockeando con Ramona Órbita” de Pakolas, actuación cultural de “Brais das Hortas”, “Fazulas e o ladrón de paraugas”, “Uxía lambona e a banda molona”, “Peter Punk”, e a comedia teatral “Saaabor” entre outras.

Programa deportes:
Con cargo a este programa, levouse a cabo a actuación “deporte nas parroquias”, mediante a cal se programaron clases de zumba e pilates nos lugares de Vilademouros, Val do Mao e O Incio. Este programa tivo unha aportación de 5.000,00 € con cargo ao Plan Único 2022.

Programa turismo:
O Concello do Incio destinou unha partida de 5.000,00 € do Plan Único 2022 a unha campaña de promoción turística do Concello, para así dar a coñecer a cantidade de recursos turísticos cos que conta esta terra. Para elo, levouse a cabo promoción turística no “Rally Terras do Incio”, editáronse 800 calendarios con imaxes do municipio para o seu reparto entre veciños e visitantes, e adquiríronse 50 exemplares do libro “Brianda de Moás” para o seu reparto entre veciños e asistentes á presentación do libro que tivo lugar no multiusos do Concello, un libro que fala da batalla dos mouros que tivo lugar na parroquia do Viso, de gran interese histórico e turístico.

Investimentos Plan Único 2021

logo plan unicoO Concello do Incio, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021, levou a cabo diferentes investimentos durante os anos 2021 e 2022, xa rematados ou nas últimas fases da súa execución.

As actuacións, cun orzamento conxunto de 222.713,84 €, consistiron na súa maioría no acondicionamento e mellora de diferentes viais municipais, mellorando os accesos a diferentes núcleos de poboación. Tamén se investiu na mellora do sistema de abastecemento de auga potable municipal e en equipos informáticos para as oficinas municipais.

A relación detallada de investimentos é:

– Subministración de 3 ordenadores portátiles.

– Obras de mellora das instalacións de abastecemento de auga potable.

– Pavimentación de accesos nos núcleos de Saa e Pacios.

– Pavimentación de accesos nos núcleos de Goo, Martín, Calvos e Vilasouto.

– Acondicionamento de camiño en Vila de Cais.

– Pavimentación de acceso no núcleo de Covelas.

O Concello do Incio adquire un xeófono con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022

LOGO-PLAN-UNICO-2022O Concello do Incio adquiriu, con cargo ao Plan de Cooperación cos Concellos 2022, un xeófono Rothenberger Rogeo Ref 1500002751 co obxectivo de dotar ao persoal da brigada de obras dun comprobador de fugas de auga para o seu uso na rede municipal de abastecemento.

Con este aparello, co que non contaba ata o momento o Concello, será posible detectar dunha forma rápida as fugas ou avarías que poidan existir na rede, permitindo a súa reparación dunha forma máis eficiente en beneficio dos veciños do Incio, toda vez que se contribúe tamén a un menor desperdicio dos recursos hídricos.

A subministración deste aparello foi adxudicada á empresa Suministros Calefon S.L. por un importe de 3.500,00 €, IVE incluído, e a prestación considérase axeitada. O xeófono xa está a ser utilizado pola brigada de obras.

Geófono

Geófono

O Concello do Incio aproba unha liña de axudas ao sector hostaleiro para paliar os efectos da covid-19

Martes, 30 de novembro de 2021.- O Concello do Incio aprobou hoxe, a proposta da alcaldía e por unanimidade, as bases e a convocatoria dunha liña de axudas para o impulso da actividade económica e paliar os efectos da covid-19 dirixidas ao sector hostaleiro.

O alcalde, Héctor Corujo, explica que “a situación excepcional derivada da crise da covid-19 afecta duramente ao sector hostaleiro”. Nese sentido, considera “imprescindible dirixir axudas para contribuír ao financiamento de certos gastos correntes que tiveron que afrontar as pequenas empresas e autónomos do sector no contexto de peche obrigado da súa actividade, limitacións de horarios, restricións de aforo, etc.”.

O Concello do Incio dirixe a estas axudas un importe de 5.000 euros do vixente orzamento municipal para o que se conta con financiamento procedente do Plan Único 2021 de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo.

Casa do Concello do Incio

As axudas comprenderán unha cantidade equivalente aos recibos de auga / lixo que soportou o establecemento dende o 2º trimestre de 2020 ata o 3º trimestre de 2021 (ambos incluídos), así como unha cantidade fixa por solicitante en concepto de axuda para outros gastos correntes. Esta última será proporcional ao excedente existente, de existir, unha vez sexa asignada a cantidade a outorgar a cada participante en concepto de recibos de auga / lixo e sempre ata un máximo de 2.000 euros por solicitude e 5.000 de crédito orzamentario total para o conxunto de participantes.

Estas axudas diríxense a persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas que dispoñan dun negocio no termo municipal do Incio e que permanecese pechado e non puidese desempeñar ningunha actividade durante o estado de alarma e/ou que se vise afectado polas posteriores restricións de horarios e aforos, sempre que a súa actividade pertenza ás agrupacións 67 ou 68 do I.A.E.

É necesario estar de alta na súa actividade cunha anterioridade mínima de 6 meses antes da publicación das bases, así como no momento de solicitude da subvención. Non poderán acollerse aquelas que pechasen a súa actividade con anterioridade á declaración do estado de alarma, nin aqueloutras que declarasen o peche definitivo da actividade na actualidade. Así mesmo, non poderán solicitar o peche definitivo da actividade nos vindeiros 6 meses seguintes ao cobro da subvención.

Tamén son requisitos imprescindibles, entre outros, xustificar calquera subvención que lle foi concedida con anterioridade polo Concello do Incio, sempre que finalice o correspondente prazo de xustificación; teren aprobadas as liquidacións ou contas do último exercicio vencido legalmente esixibles e someterse aos procedementos de control que poida realizar a intervención.

A participación neste programa é compatible coa obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Lugar e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica do Concello do Incio acompañadas da documentación requirida e recollida nas bases que estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello, xunto ao formulario. Os autónomos que non exerzan funcións colexiadas poderán presentar a súa solicitude fisicamente ante a oficina de asistencia en materia de rexistro do Concello do Incio.

O prazo será de 10 días hábiles a partires do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

O pago destas axudas realizarase nun pago único pola totalidade do importe concedido, mediante transferencia bancaria, a partir da data da resolución de concesión, sen que sexa necesaria a constitución de garantías.