O Concello do Incio contará cun novo proxecto turístico cofinanciado con axudas que priman as aldeas modelo

Casa-do-Corral-64Xoves, 13 de xuño de 2024.- O Concello do Incio contará o vindeiro mes de xullo cun novo proxecto turístico que foi financiado coas subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Estas axudas primaban os proxectos que se desenvolvan no perímetro que conforma a zona de actuación integral dunha aldea modelo, segundo figure na correspondente declaración, tanto para o caso de investimentos destinados á mellora, ampliación e/ou modernización de empresas existentes, como para o caso da posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas.

Trascastro, primeira aldea modelo da provincia
Trascastro foi a primeira aldea modelo da provincia de Lugo, unha declaración que obtivo por parte da Xunta de Galicia no ano 2019.

Agora, unha emprendedora nacida na aldea, Paloma Gallardo, decidiu solicitar as axudas que ofrece o Goberno galego para poñer en marcha dous apartamentos turísticos rurais na casa familiar que os seus antepasados mercaron tras volver da emigración en Cuba.
O proxecto, que leva por nome ‘Casa do Corral’ oferta dous apartamentos nunha vivenda familiar completamente rehabilitada e renovada pensada para aqueles viaxeiros “amantes da natureza e dos animais”.

Os apartamentos ocupan parte da casa da que toman o seu nome. Na outra, viven Paloma e o seu marido, tras recuperar o inmoble no que naceu e no que pasou a súa infancia e que, posteriormente, estivo algúns anos abandonado.

Unha escapada nunha contorna incomparable
Paloma explica que os turistas se van poder aloxar nunha construción feita en mampostería de lousa que data de 1835 emprazada nun paraxe de gran beleza natural no val do río Cabe. “Van poder desfrutar duns días de relaxación rodeados de enormes prados e gran arboredo no corazón do Incio”, precisa.

Ademais de ofrecer todas as comodidades, como habitacións completamente equipadas, salón-comedor, cociña completa, cheminea, wifi, televisión, aparcamento e recarga de coches eléctricos, no aloxamento tamén se aceptan mascotas.

Un dos apartamentos leva por nome ‘As Tullas’ e ofrece aloxamento para 4 persoas de máximo. No outro, ‘O Corredor’ collen tres persoas de máximo.

As reservas poden facerse xa a través da páxina web www.casadocorral.com.

Desde o Concello do Incio saúdan esta nova iniciativa e agradécenlle á súa promotora a súa posta en marcha como un novo espazo co que aumentar a oferta turística da zona e seguir atraendo visitantes á localidade.

Actuacións que levou a cabo o Concello do Incio con cargo ao Plan Único 2022

Plan Unico 2022O Concello do Incio, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022, levou a cabo diferentes investimentos durante os anos 2022 e 2023, xa rematados ou nas últimas fases da súa execución.

As actuacións, cun orzamento conxunto de 207.087,48 €, consistiron na súa maioría no acondicionamento e mellora de diferentes viais municipais, mellorando os accesos a diferentes núcleos de poboación. Tamén se investiu na adquisición dun xeófono para a detección de fugas na rede de abastecemento.

A relación detallada de investimentos é:
– Adquisición dun xeófono
– Pavimentación do vial municipal Outeiro – Pacios
– Acondicionamento e mellora de camiño municipal Foilebar – Trascastro
– Acondicionamento e mellora de acceso a Saa
– Acondicionamento e mellora de accesos aos núcleos de Piornedo, Teimoi, Noceda, Outeiro e Cervela

O Concello do Incio será unha das etapas puntuables do Premio de Montaña de ‘A Volta Ciclista a Galicia, o Gran Camiño’

CAMINO1-scaled

Mércores, 25 de xaneiro de 2023.- O Concello do Incio será unha das etapas puntuables do Premio de Montaña da proba deportiva denominada ‘A Volta Ciclista a Galicia, o Gran Camiño’. En concreto, os corredores pasarán pola localidade o vindeiro 23 de febreiro.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destaca a importancia de formar parte “dun evento destas características que permitirá que o noso Concello chegue a miles de fogares grazas á súa retransmisión a máis de 180 países”.

A Volta Ciclista a Galicia foi unha carreira por etapas que se disputou polo territorio galego desde o 1933 (ano da súa primeira edición) e que se foi sucedendo durante os anos (aínda que non de maneira continuada) ata o 2000, sendo a partir de 2002 relegada a categoría amador.

Aínda así, existe unha grandísima lista de campións que desputaron e conseguiron o triunfo nesta carreira. Nomes históricos no mundo do ciclismo como Miguel Induráin, Mariño Lejarreta, Abraham Olano, Marco Pantani, Laurent Jalabert, Claudio Chiapucci, Frank Vandenbroucke ou Álvaro Piñeiro formaron parte (ou gañaron) nalgunha das súas edicións.

Unha proba que sempre atraía a grandes estrelas e que contaba coa simpatía dos mellores equipos do mundo, que cadraban os seus calendarios para dar o mellor dos espectáculos na rolda galega.

Un evento internacional

Co esta proba deportiva búscase revitalizar esta carreira, cunha imaxe e unha posta en escena actualizadas e acorde aos tempos que corren, para retomala da maneira máis vangardista posible. Trátase dun evento internacional na modalidade de volta ciclista por etapas, disputándose en catro días, ao estilo doutros eventos similares do territorio nacional.

A carreira está dentro do calendario internacional da Unión Ciclista Internacional como proba ME 2.1. Será retransmitido en directo todos os días durante dúas horas a través de Eurosport, Teledeporte e TVG cunha repercusión que o ano pasado na primeira edición chegou a máis de 180 países.

Cada unha das etapas, terá a súa sede en cada unha das provincias galegas. Partindo o día 23 da provincia de Lugo e finalizando o día 26 na provincia da Coruña. Disputándose a segunda etapa o día 24 na provincia de Pontevedra e a terceira o día 25 na provincia de Ourense.

Horario de paso polo Incio

1ª ETAPA, xoves día 23 de febreiro de 2023. MURALLA ROMANA DE LUGO – SARRIA. 188,00Km. A proba virá de Bóveda pola LU-643, para entrar no Concello do Incio pola LU-644 arredor das 13.35 horas, para seguir dirección Sarria pola LU-641.

itinerario volta