O Concello do Incio acolle un taller de formación para xestores de montes privados o 16 de maio

xornadaforestalLuns, 5 de maio de 2025.- A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Concello do Incio e dentro do proxecto ForestED, organiza o venres 16 de maio un taller sobre o aproveitamento das frondosas caducifolias.

O proxecto ForestED ten como finalidade a obtención de novos produtos de madeira a partir de frondosas caducifolias e coníferas hoxe en día pouco consideradas a nivel comercial. O obxectivo é xerar produtos para a edificación, tanto estruturais como non estruturais (carpintería de interiores, exteriores, etc.) e para mobiliario urbano.

ForestED é unha iniciativa liderada polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña, que conta coa participación do Consorci Forestal de Catalunya, do Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña e da Asociación Forestal de Galicia.

A xornada programada para o venres 16 de maio no salón de usos múltiples do Concello do Incio está aberta a todas as persoas propietarias e xestoras forestais que estean interesadas na xestión forestal e nas posibilidades do aproveitamento da madeira para a construción, así como nas vantaxes das agrupación forestais de xestión conxunta.

A asistencia é gratuíta previa inscrición nos teléfonos 981 564 011 ou 918 752 214, ou enviando un correo electrónico ao enderezo afg@asociacionforestal.org.

Un dos montes obxecto de estudo, en Laiosa
Dentro das accións desenvolvidas neste proxecto seleccionáronse tres montes obxecto de estudo en Galicia un en Zas, outro en Boqueixón e un terceiro no Incio, concretamente na parroquia de Laiosa. Neste monte de Laiosa, seleccionouse unha masa de carballo onde se fixo unha corta selectiva de pés que foron enviados a Cataluña para a súa análise, experimentación e transformación por parte dos socios tecnolóxicos do proxecto ForestED, o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña e o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña.

ForestED conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O Concello do Incio e Afalu acordan desenvolver actividades formativas na localidade

afaluXoves, 20 de xuño de 2024.- O alcalde do Incio, Héctor Corujo, e a concelleira Goretti Díaz mantiveron unha xuntanza de traballo co persoal de Afalu, Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demenencias de Lugo.

Ao encontro asistiron, ademais da vicepresidente da Asociación, Iria Franco, unha das traballadoras sociais, Maitane Fernández, e o terapeuta ocupacional, Eduardo Díaz.

O Goberno local do Concello do Incio acordou con eles desenvolver actividades formativas na localidade a partir do mes de setembro, con carácter continuado. A formación vai estar dirixida a coidadores e coidadores de persoas en situación de dependencia e tamén se farán accións destinadas aos veciños e veciñas en xeral.

Desde a Asociación tamén se propuxo ofrecer cursos sobre o coidado no fogar ou o autocoidado a través da realización de obradoiros.
O Concello do Incio estuda agora as necesidades que existen na localidade para fixar os lugares nos que se levarán a cabo estas actividades, así como as datas de celebración, que serán comunicadas á veciñanza para que poida beneficiarse o maior número de persoas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, asegura que esta vía de colaboración con Afalu “é moi necesaria para axudar nos coidados das persoas dependentes e dos seus propios coidadores, polo que agardamos que as propostas que se fagan teñan moita demanda e sexan de axuda para os nosos veciños e veciñas”.