O Concello do Incio organiza o 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta

cocidogourmetXoves, 27 de febreiro de 2025.- O Concello do Incio organiza para o vindeiro sábado 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta, co obxectivo de reivindicar este produto e de ser un atractivo turístico gastronómico tanto na Comarca como a nivel galego.

O xantar celebrarase no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, a partir das dúas da tarde e contará co pregón da escritora da localidade Marica Campo, elixida para esta primeira cita por ser “un referente cultural desde o medio rural galego”.

Antes da comida haberá unha cata a cargo de Adegas Guímaro e contarase con Terra Brava como adega convidada. Ademais do cocido, o menú tamén estará composto por sobremesa e queimada.

Unha cita con continuidade
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, explica que con esta cita se pretende revalorizar o porco celta, que conta no municipio coa maior explotación deste tipo de animais, ao tempo que se busca que sexa un acontecemento turístico e gastronómico que teña continuidade e cada ano gane adeptos.
En canto á pregoeira, o rexedor destaca as súas orixes, a súa vinculación persoal e da súa obra literaria co medio rural e o terse convertido “nunha das maiores e mellores expoñentes da cultura do noso país”.

Venda de entradas
As persoas interesadas en participar neste evento culinario poden facerse coas súas entradas no Concello do Incio ou facendo a reserva nos números 982 42 70 14 e 604 01 72 64. A mesa de 12 comensais ten un prezo de 540 euros, mentres que a entrada solta se pode adquirir por 46 euros. A asistencia é con venda anticipada.

O Concello do Incio agradece a colaboración nesta primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta das empresas locais que se sumaron á iniciativa, así como de Asoporcel, Adegas Guímaro e a Xunta de Galicia.

O Goberno municipal do Incio consegue o compromiso do Pleno para que a Deputación destine 250.000 euros á rehabilitación da Casona

casonaincioLuns, 30 de decembro de 2024.- O Goberno municipal do Incio conseguiu o compromiso do Pleno para que a Deputación de Lugo destine 250.000 euros á rehabilitación da Casona.

A Corporación aprobou por unanimidade a moción que presentaron os socialistas cunha emenda de engádeda do equipo de Goberno na que solicitan que a Deputación achegue os fondos pendentes comprometidos xa no ano 2015.

A iniciativa dos socialistas propuña reclamar a cesión da Casona da Cruz do Incio ofrecida pola Deputación de Lugo, actual propietaria do inmoble, así como a petición a outras administracións de fondos para a súa rehabilitación.

Emenda aprobada por unanimidade
No transcurso do Pleno extraordinario celebrado esta mañá o Goberno municipal presentou unha emenda á proposta dos socialistas, que foi aprobada por unanimidade, polo que lle darán traslado á institución provincial para que poida cumprir co acordo.

O Goberno local fixo esta petición en base a unha visita dos membros da Deputación ao Concello do Incio no ano 2015 na que avanzaban que “ese mesmo ano” se porían en marcha os traballos de remodelación de dito inmoble, que contarían cun presuposto inicial de 250.000 euros do organismo provincial.

Unha información que aínda hoxe se pode consultar na páxina web da institución provincial: https://deputacionlugo.gal/es/node/61982.

Tal e como explica o alcalde do Incio, Héctor Corujo, “nós aceptamos a cesión do inmoble, para o que recuperaremos o polígono que afecta a esta propiedade e farémonos cargo do proxecto, que terá un uso social, e reclamaremos que a Deputación de Lugo cumpra a súa parte do acordo coa cesión deses 250.000 euros”.

“Agora temos un acordo firme do Pleno que así o demanda, polo que agardamos que nesta ocasión a institución provincial e os socialistas cumpran co acordado e non quede en papel mollado, como nas anteriores ocasións”, precisou.

O Concello do Incio contou no 2024 cun total de 287.473,38 € procedentes do Plan Deputación 2024

LOGO-PLAN-DEPUTACION-LUGO-2024O Concello do Incio contou no 2024 cun total de 287.473,38 € procedentes do Plan Deputación 2024 para a realización de diversos investimentos, actividades culturais e deportivas, promoción turística, reforzo do emprego e servizo de axuda no fogar.
Programa cultural.

Con cargo a este programa, colaborouse na organización do festival “Terra Brava”, celebrado en agosto na Cruz do Incio, así como na organización do “Tremeterra fest” celebrado en Setembro cunha partida conxunta de 7.000,00 euros.

Así mesmo, leváronse a cabo clases de música tradicional para nenos e adultos na Cruz do Incio, fomentando así a cultura tradicional galega, destinando unha partida de 9.500,00 euros.

Un ano máis, tamén se colaborou na edición, deseño e impresión da revista cultural “Os Fanagueiros” cun total de 1.500,00 €.
Por último, púxose en marcha ao longo do ano 2024 un “circuito cultural nas parroquias”, achegando diversas actividades culturais a diferentes puntos do Concello, o que supuxo unha partida total de 10.000,00 €.

Programa deportes
Con cargo a este programa, levouse a cabo a actuación “deporte nas parroquias”, mediante a cal se programaron clases de zumba e pilates en diferentes lugares do Concello. Este programa tivo unha aportación de 5.000,00 € con cargo ao Plan Deputación.

Programa turismo
O Concello do Incio destinou unha partida de 9.000,00 € do Plan Deputación a unha campaña de promoción turística do Concello, para así dar a coñecer a cantidade de recursos turísticos cos que conta esta terra.

Reforzo do emprego
Destínanse un total de 22.477,54 € do Plan Deputación a contratación de 2 operarios de servizos múltiples para o reforzo dos servizos básicos de limpeza viaria, desbroces, obras e reparacións varias, contratacións levadas a cabo durante o 2024 e 2025.

SAF
O servizo de axuda no fogar en modalidade de libre concorrencia contou cun financiamento de 25.000,00 € con cargo ao Plan Deputación 2024.

Investimentos
Por último, con cargo ao Plan Deputación 2024 fináncianse os seguintes investimentos, a executar durante os anos 2024 e 2025:
– Pavimentación de accesos no núcleo de Reboiro (67.365,61 €).
– Pavimentación de accesos ao núcleo de Martín (26.155,25 €).
– Pavimentación de accesos aos núcleos de Bardaos e Teimoi (45.881,44 €).
– Pavimentación de accesos nos núcleos de Rubián de Cima (55.290,24 €).
– Subministración de equipos para o control con telemetría dos depósitos de auga (3.303,30 €).

O Concello do Incio desenvolveu o programa de conciliación no curso 2023-2024 co apoio de 29.700 euros da Secretaria Xeral de Igualdade e do Ministerio de Igualdade co Plan Corresponsables

Subvencions-IncioO Concello do Incio levou a cabo diversas actividades durante o curso escolar 2023-24 dentro do Programa de conciliación do Concello do Incio, para o que contou con 29.700,00 € de financiamento procedente da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade dentro do “Plan Corresponsables”.

As actuacións consistiron en diversas bolsas de coidados profesionais en dependencias públicas que facilitaron a conciliación familiar e laboral de unhas 25 familias do municipio e case 40 nenos e nenas con atención antes e despóis da xornada lectiva, así como durante as matinais do nadal e dos meses de verán.

Deste xeito, estivo en funcionamento durante os meses lectivos o servizo de madrugadores durante dúas horas diarias antes da xornada escolar, bolsa de coidados despois da xornada lectiva con especialización en diferentes materias (informática, inglés, patinaxe…), un campamento nas semanas de nadal e un campamento de verán durante as mañás dos meses de xullo e agosto.

O Programa de conciliación do Concello do Incio terá continuidade no vindeiro curso escolar 2024-25.

O Concello do Incio colabora co III Encontro SoundSystem da Terra Brava, ‘Tremeterra’

tremeterracartel (1)Martes, 27 de agosto de 2024.- O Concello do Incio colabora un ano máis co III Encontro SoundSystem da Terra Brava, o Festival ‘Tremeterra’, que se vai celebrar na contorna do encoro de Vilasouto os días 30 e 31 de agosto.

A terceira edición desta cita musical vai contar con obradoiros, debates abertos e música en vivo, todo de balde.

A cita organizada pola Asociación Cultural Sonsistema de Santiago e a Asociación Cultural Tremeterra do Incio conta co apoio do Concello do Incio como principal patrocinador.

No cartel deste ano volven figurar artistas internacional procedentes de diversos países, como Francia ou Reino Unido e tamén artistas da terra. Entre eles, Weeding Dub, Mr Zebre, Lwis Bennet, Radikal Guru ou Chapamama.

Moito máis que música
Tamén haberá un taller de iniciación ao ioga e unha mesa aberta sobre a cultura soundsystem e un obradoiro que versará sobre a igualdade nos festivais, que vai estar impartido por Inés Cebreiro, educadora especialidade en igualdade.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, deu a coñecer hoxe o cartel do evento, acompañado por algúns dos organizadores entre os que se atopan, Jessica Moledo, Gael Núñez e Pedro Estévez. O rexedor destaca “o poder desta cita cultural que se consolida ano tras ano”.

O festival Tremeterra, que naceu no ano 2022, reuniu nas súas anteriores edicións a numeroso público para gozar da música dub e sound system.

tremeterra

O Concello do Incio celebrará a XIV Feira de Artesanía e Produtos da Terra o 22 de agosto

Feira de Artesanía 2024Luns, 15 de xullo de 2024.- O Concello do Incio celebrará o xoves 22 de agosto a XIV edición da súa Feira de Artesanía e Produtos da Terra, coincidindo coa Feira local.

Pola mañá haberá un pasarrúas a cargo dun grupo de música tradicional e unha actividade a cargo da Furgoteca, a biblioteca móbil da Xunta de Galicia.

Xa pola tarde, haberá unha actuación da Charanga Louband e ás 20:00 horas degustación de iscos e foliada aberta.

Ao longo de todo o día haberá postos de artesanía na Praza de España e nos arredores do Concello, coa participación da Fundación Artesanía de Galicia, que tamén se encargará de organizar diferentes obradoiros para todos os públicos ao longo de toda a xornada.

Xunto a estes expositores estarán os postos de empresas de alimentación da zona que venderán produtos típicos, como mel ou queixo.

Cambio de data
Esta feira é unha iniciativa do Concello do Incio para promover o turismo e a cultura na zona, así como para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos. Por este motivo, explica o alcalde, Héctor Corujo, cambiamos a data para agosto e para que coincida coa feira local para atraer ao maior número posible de visitantes.

O Concello do Incio levou a cabo as obras de “Mellora de acceso aos núcleos rurais de A Cervela, Cizán e O Sobrado”

O Concello do Incio levou a cabo as obras de “Mellora de acceso aos núcleos rurais de A Cervela, Cizán e O Sobrado”, actuación financiada cunha subvención concedida polo AGADER ao abeiro da “Resolución de 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco deo Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento MR701E)”.
Estas actuacións, mediante as que se melloran os accesos aos núcleos rurais indicados, contan co financiamento da Unión Europea, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader): Europa inviste no Rural.

incio

O Concello do Incio e Afalu acordan desenvolver actividades formativas na localidade

afaluXoves, 20 de xuño de 2024.- O alcalde do Incio, Héctor Corujo, e a concelleira Goretti Díaz mantiveron unha xuntanza de traballo co persoal de Afalu, Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demenencias de Lugo.

Ao encontro asistiron, ademais da vicepresidente da Asociación, Iria Franco, unha das traballadoras sociais, Maitane Fernández, e o terapeuta ocupacional, Eduardo Díaz.

O Goberno local do Concello do Incio acordou con eles desenvolver actividades formativas na localidade a partir do mes de setembro, con carácter continuado. A formación vai estar dirixida a coidadores e coidadores de persoas en situación de dependencia e tamén se farán accións destinadas aos veciños e veciñas en xeral.

Desde a Asociación tamén se propuxo ofrecer cursos sobre o coidado no fogar ou o autocoidado a través da realización de obradoiros.
O Concello do Incio estuda agora as necesidades que existen na localidade para fixar os lugares nos que se levarán a cabo estas actividades, así como as datas de celebración, que serán comunicadas á veciñanza para que poida beneficiarse o maior número de persoas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, asegura que esta vía de colaboración con Afalu “é moi necesaria para axudar nos coidados das persoas dependentes e dos seus propios coidadores, polo que agardamos que as propostas que se fagan teñan moita demanda e sexan de axuda para os nosos veciños e veciñas”.

O Concello do Incio contará cun novo proxecto turístico cofinanciado con axudas que priman as aldeas modelo

Casa-do-Corral-64Xoves, 13 de xuño de 2024.- O Concello do Incio contará o vindeiro mes de xullo cun novo proxecto turístico que foi financiado coas subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Estas axudas primaban os proxectos que se desenvolvan no perímetro que conforma a zona de actuación integral dunha aldea modelo, segundo figure na correspondente declaración, tanto para o caso de investimentos destinados á mellora, ampliación e/ou modernización de empresas existentes, como para o caso da posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas.

Trascastro, primeira aldea modelo da provincia
Trascastro foi a primeira aldea modelo da provincia de Lugo, unha declaración que obtivo por parte da Xunta de Galicia no ano 2019.

Agora, unha emprendedora nacida na aldea, Paloma Gallardo, decidiu solicitar as axudas que ofrece o Goberno galego para poñer en marcha dous apartamentos turísticos rurais na casa familiar que os seus antepasados mercaron tras volver da emigración en Cuba.
O proxecto, que leva por nome ‘Casa do Corral’ oferta dous apartamentos nunha vivenda familiar completamente rehabilitada e renovada pensada para aqueles viaxeiros “amantes da natureza e dos animais”.

Os apartamentos ocupan parte da casa da que toman o seu nome. Na outra, viven Paloma e o seu marido, tras recuperar o inmoble no que naceu e no que pasou a súa infancia e que, posteriormente, estivo algúns anos abandonado.

Unha escapada nunha contorna incomparable
Paloma explica que os turistas se van poder aloxar nunha construción feita en mampostería de lousa que data de 1835 emprazada nun paraxe de gran beleza natural no val do río Cabe. “Van poder desfrutar duns días de relaxación rodeados de enormes prados e gran arboredo no corazón do Incio”, precisa.

Ademais de ofrecer todas as comodidades, como habitacións completamente equipadas, salón-comedor, cociña completa, cheminea, wifi, televisión, aparcamento e recarga de coches eléctricos, no aloxamento tamén se aceptan mascotas.

Un dos apartamentos leva por nome ‘As Tullas’ e ofrece aloxamento para 4 persoas de máximo. No outro, ‘O Corredor’ collen tres persoas de máximo.

As reservas poden facerse xa a través da páxina web www.casadocorral.com.

Desde o Concello do Incio saúdan esta nova iniciativa e agradécenlle á súa promotora a súa posta en marcha como un novo espazo co que aumentar a oferta turística da zona e seguir atraendo visitantes á localidade.

I Campus de Fútbol O Incio CF, do 22 ao 26 de xullo

campusincio_page-0001O Concello do Incio colabora co O Incio C.F. na organización do I Campus de Fútbol O Incio C.F. que se vai celebrar do 22 ao 26 de xullo no Campo Municipal do Carboeiro.

O campus é mixto para idades de 6 a 16 anos e levarase a cabo de 10:00 a 14:00 horas.

A actividade vai estar dirixida e impartida por Roberto Díaz Mourelo.

A data límite para inscribirse é o 14 de xullo.