A Xunta e o Concello do Incio asinan un convenio para a adhesión deste municipio ao programa ‘Xantar na Casa’

20250731 ConsorcioConvenioIncioXantarCasaO Incio (Lugo), 31 de xullo de 2025.- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou esta mañá co alcalde do Incio, Héctor Corujo, o convenio de adhesión deste municipio ao programa Xantar na Casa, que garante unha alimentación saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades de persoas maiores que viven soas, con dependencia ou en risco de exclusión social.

Inicialmente, oito veciños da localidade poderán beneficiarse deste programa, que podería contar con máis prazas nun futuro en función da demanda que exista. O xerente do Consorcio explicou que son os servizos sociais municipais os que se encargan de seleccionar aos beneficiarios do servizo, que reciben no seus fogares o menú para os sete días da semana, festivos incluídos.

O prezo de cada menú é de 7,32 euros. No seu financiamento participa a Xunta, que achega 3,42 euros; o concello, que asume 1,95 euros e a persoa beneficiaria, que abona tamén 1,95 euros. A comida repártese nos domicilios nunha única entrega, polo que os destinatarias teñen que quentala antes de consumila. Ademais, o programa facilita neveira e microondas no caso de que os fogares dos beneficiarios non dispoñan deles. Na actualidade, o Xantar na Casa chega a máis de 2.500 persoas e a 200 concellos de toda Galicia, repartíndose máis de 17.000 menús semanais.

Os Concellos do Incio e Samos inician a posta en valor do Camiño Eufrasiano, xunto con outras actuacións en recursos turísticos, cunha axuda da Xunta de 60.000 euros

camiño eufrasianoO Concello do Incio e o de Samos veñen de recibir unha subvención de Turismo de Galicia por importe de 60.000 euros para actuacións destinadas á mellora da sinalización turística, a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos, da riqueza histórica, cultural e patrimonial que posúen ambos os municipios.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, e a alcaldesa de Samos, María Xesús López, visitaron hoxe o inicio dos traballos, adxudicados á empresa a Servitec Medioambiente. A previsión é que as actuacións estean rematadas no outono.

En concreto, unha das actuacións máis relevantes é a que vai permitir iniciar os traballos de posta en valor do Camiño Eufrasiano.

Durante séculos, os peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela utilizaron diversas rutas, moitas delas non oficiais, aproveitando os antigos camiños romanos e as vías de comunicación existentes na época. Nos últimos anos, gañou forza a proposta de establecer esta nova ruta xacobea que atravesa Samos e O Incio, xa que este camiño era usado polos peregrinos que entraban en Galicia por Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro), e entroncaban co camiño francés en Samos.

Actuacións concretas
En relación ao Camiño Eufrasiano, levarase a cabo a sinalización con paneis de metal conforme ó Manual de sinalización turística de Galicia, o que será unha primeira sinalización da ruta; e embelecemento de vías, esta última co acondicionamento dos puntos do camiño que estean invadidos polo mato, así como o acondicionamento da “área recreativa As Fontes” para o uso dos camiñantes e visitantes.

Retiraranse as sinais existentes de madeira que están moi deterioradas, e os paneis no entorno do castro. Instalaranse novos paneis informativos e adecuarase a plataforma de antigos camiños por medios manuais naqueles puntos onde a invasión do mato, árbores caídas, ou incluso pedras dificultan o paso dos usuarios.

A actuación consistirá na retirada da vexetación invasora, respectando aqueles exemplares, que por calquera motivo, deban conservarse, e realizando pequenas nivelacións da plataforma de cara á súa adecuación como ruta de sendeirismo.

Instalarase unha mesa informativa metálica no Santuario de Santo Eufrasio en substitución da deteriorada, con toda a información da igrexa e do sepulcro de este santo. Instalarase ademais unha mesa informativa metálica no cruce coa pista que vai á Necrópole Serra do Édramo con toda a información do camiño e tamén información sobre os xacementos arqueolóxicos da zona, necrópole Serra do Édramo, BIC Necrópole de Santa Mariña e Castro de Formigueiros.

Alcalde Incio e alcaldesa Samos visitan acondicionamento Camiño Eufrasiano

Área recreativa ‘As Fontes’
Neste área que está no Camiño Eufrasiano proxéctase o acondicionado de toda a zona para uso dos visitantes. Por un lado a retirada de forma manual de toda a vexetación invasora da zona, tanto no acceso como na zona de lecer, onde están situados catro mesas de pedra cos seus dous respectivos bancos.

Outras actuacións
Preténdese ademais actuar no patrimonio arqueolóxico, unha das maiores riquezas da zona, como son a Necrópole de Santa Mariña, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2006, e a Necrópole Serra do Édramo, tamén denominada Campo de Valentín.

Na Necrópole de Santa Mariña a actuación recolle a retirada da mesa deteriorada e a substitución por unha mesa con información mais detallada e completa.

No caso da Necrópole Serra do Édramo, vaise substituír a sinalización, recuperación e tratamento paisaxístico da contorna de unha das mámoas existentes, así como a creación de unha infografía 3D que estará centrada na recreación de unha mámoa na Serra do Édramo, a través de escenas coidadosamente producidas e unha ambientación realista. A través de este vídeo amosarase a creación dunha mámoa da zona, de forma inmersiva, educativa e emocionante para que todo os visitantes poidan ver como se construía unha mámoa e a importancia de este monumento megalítico para os habitantes desa época.

A actuación no Castro de Formigueiros inclúe a retirada e substitución da sinalización existente que está moi deteriorada, instalacións dunha mesa informativa metálica e recuperación e tratamento paisaxístico da contorna do castro. Nesta zona tamén se proxecta a mellora na zona do castro co desbroce parcial de accesos e da zona do castro, mediante a retirada de forma manual da vexetación arbustivaque invade o xacemento.

Por último, tamén se vai intervir na Ruta do Carballal coa sinalización e embelecemento de vías. Calcúlase unha superficie de actuación de 1.283 m2.

O Concello do Incio levou a cabo en 2025 a actuación “Mellora de acceso a aldea modelo de Trascastro”

O Concello do Incio levou a cabo en 2025 a actuación “Mellora de acceso a aldea modelo de Trascastro”.

Esta actuación, consistente na adecuación dun camiño municipal en Trascastro e que da continuidade a outras actuacións recentes na Aldea Modelo, contou cunha axuda do AGADER por importe de 69.246,05 € ao abeiro da “Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

acceso trascastro

AS ALDEAS MODELO
Unha aldea modelo é un tipo de instrumento de recuperación da terra agraria que ten como obxectivo poñer en produción, de xeito sustentable, as terras abandonadas de alta capacidade produtiva que rodean os núcleos de poboación, contribuíndo así á creación de actividade agrogandeira e á redución do risco de incendios.

Condicións:
As terras perimetrais da aldea deben estar na súa maioría nun estado de grave abandono, ao tempo que deben ter unha boa capacidade produtiva.

É necesario o acordo das persoas propietarias dun mínimo do 70% da superficie.

As persoas propietarias dos terreos comprométense a incorporalos ao Banco de terras por un período mínimo de 10 anos.

Características:
É un instrumento totalmente voluntario; se o propietario non quere participar, as súas terras quedan excluídas.

Non se reestruturan as parcelas, é dicir, non se tocan os marcos.

As parcelas son arrendadas ás persoas propietarias a través do Banco de terras, polo que estes conservan a súa titularidade.

Préstase especial atención ao mantemento, conservación e recuperación das infraestruturas agrarias (valados e rede de camiños interiores).

É unha actuación respectuosa e sostible, ligada fundamentalmente a producións tradicionais e preferiblemente ecolóxicas.

Formarán parte dunha Rede de Aldeas Modelo para xerar sinerxías e compartir coñecementos.

Fundamento legal:
Artigos 79 e seguintes da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigos 47.bis e 47.ter da Lei 6/2011 de mobilidade de terras.

Aldea modelo de Trascastro:
Declarada aldea modelo o 12/11/2019, primeira aldea modelo da provincia de Lugo.

14,00 hectáreas de superficie.

136 parcelas.

82 propietarios catastrais.

Gandería en extensivo de vacún, de raza autóctona cachena.

O Concello do Incio recibiu 81.543€ do Plan de Mellora de Camiños Municipais para actuacións en Piornedo e Viloira

camiño piornedoO Concello do Incio foi beneficiario de 81.543,00 € con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024 – 2025 do AGADER, cofinanciado pola Unión Europea, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural – Europa Inviste no Rural (PDR de Galicia 2014-2020).

Con cargo a este Plan de Mellora, levouse a cabo a mellora de accesos nos lugares de Piornedo e Viloira, e elaborouse un Estudo Integral da Rede Viaria Municipal, de utilidade para futuras actuacións.

cartel camiños incio

O Concello do Incio acolle un taller de formación para xestores de montes privados o 16 de maio

xornadaforestalLuns, 5 de maio de 2025.- A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Concello do Incio e dentro do proxecto ForestED, organiza o venres 16 de maio un taller sobre o aproveitamento das frondosas caducifolias.

O proxecto ForestED ten como finalidade a obtención de novos produtos de madeira a partir de frondosas caducifolias e coníferas hoxe en día pouco consideradas a nivel comercial. O obxectivo é xerar produtos para a edificación, tanto estruturais como non estruturais (carpintería de interiores, exteriores, etc.) e para mobiliario urbano.

ForestED é unha iniciativa liderada polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña, que conta coa participación do Consorci Forestal de Catalunya, do Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña e da Asociación Forestal de Galicia.

A xornada programada para o venres 16 de maio no salón de usos múltiples do Concello do Incio está aberta a todas as persoas propietarias e xestoras forestais que estean interesadas na xestión forestal e nas posibilidades do aproveitamento da madeira para a construción, así como nas vantaxes das agrupación forestais de xestión conxunta.

A asistencia é gratuíta previa inscrición nos teléfonos 981 564 011 ou 918 752 214, ou enviando un correo electrónico ao enderezo afg@asociacionforestal.org.

Un dos montes obxecto de estudo, en Laiosa
Dentro das accións desenvolvidas neste proxecto seleccionáronse tres montes obxecto de estudo en Galicia un en Zas, outro en Boqueixón e un terceiro no Incio, concretamente na parroquia de Laiosa. Neste monte de Laiosa, seleccionouse unha masa de carballo onde se fixo unha corta selectiva de pés que foron enviados a Cataluña para a súa análise, experimentación e transformación por parte dos socios tecnolóxicos do proxecto ForestED, o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña e o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña.

ForestED conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O Concello do Incio contará cunha nova área recreativa no Muíño do Sancho

trascastro (7)O Concello do Incio contará cunha nova área recreativa no Muíño do Sancho, en Trascastro, á beira do río Antigua. Os traballos de
acondicionamento da zona lévaos a cabo o alumnado do obradoiro de emprego A Pobra do Brollón, O Incio e Bóveda.

A actuación vaise desenvolver en dúas fases. Na primeira delas, o alumnado está a actuar na marxe dereita do río Cabe, onde se procedeu a limpar, retirar e queimar a broza acumulada. Tamén se plantaron varias árbores autóctonas e fixeron un macizo de arandos e unha rocalla de plantas aromáticas.

A intervención complétase coa colocación varias mesas para habilitar unha pequena área recreativa e de descanso.

A segunda fase, que comezarán nas vinderias semanas, comprende o remprazo dunha antiga ponte que atravesa o río, que vai ser substituída por unha pasarela de madeira.

Prevese que todos os traballos estean rematados no verán para poder desfrutar desta nova zona de ocio.

Máis de 200 persoas súmanse á primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta organizada polo Concello do Incio

Cocido  Gourmet Porco Celta IncioSábado, 15 de marzo de 2025.- O Concello do Incio supera as expectativas ao contar con máis de 200 persoas na primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta que se celebrou este mediodía na localidade e no que participaron, ademais dos alcaldes da zona, a xefa territorial do Medio Rural da Xunta de Galicia, Olga Iglesias.

A cita nace co obxectivo, tal como explica o alcalde, Héctor Corujo, de reivindicar este produto e de ser un atractivo turístico-gastronómico tanto na Comarca como a nivel galego.

O xantar celebrouse no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, e arrancou co pregón da escritora da localidade Marica Campo, elixida para esta primeira cita por ser “un referente cultural desde o medio rural galego”.

Antes da comida houbo unha cata da DO Ribeira Sacra a cargo de Adegas Guímaro e da adega Terra Brava, a única bodega da localidade. Ademais do cocido a base de porco celta, o menú estivo composto por sobremesa e queimada.

Pregón
A escritora Marica Campo fixo no seu pregón unha comparativa entre a ‘Odisea’ de Ulises e o porco celta ao indicar que este “é o noso heroe, o noso Ulises, e hoxe celebramos o seu regreso, un regreso cheo de traballos e peripecias que fixeron e fan posible persoas que se atreven a navegar, temoeiros desas embarcacións de diversos tamaños que son as explotacións gandeiras. Homes e mulleres que non teñen medo a soñar porque saben ben que os soños, se non se perde o rumbo, son o vento que move os veleiros para sucar os mares”.

Campo sinalou que o labor de recuperación de especies autóctonas “é un exercicio nobre e merece a nosa gratitude e apoio”.

“Como Ulises, o porco celta tamén foi á guerra e estivo a piques de ser vencido nesa loita da economía contra a ecoloxía. A loita pola produtividade inherente ao crecemento rápido, a mudanza á gandaría intensiva, a desaparición do pastoreo ligado a esta raza e desaparecido a causa do despoboamento do rural…, verdadeiras rochas que atrancaron o camiño. Así foi como razas foráneas foron substituíndo a única autóctona galega, a celta.

Dese xeito estivo a piques de desaparecer unha verdadeira xoia da gastronomía, un produto de grande valor nutritivo. Un agasallo para o padal”, precisou.

“Sen perder á vista á tradición, engadiu, manexar este binomio, tradición e modernidade, como se nos ensina aquí hoxe, na celebración do cocido ‘gourmet’, é garantía de progreso e de futuro”.

Tamén tivo palabras de agradecemento para Breogán Pereiro e Pedro Rodríguez, das adegas Terra Brava e Guímaro, encargados da cata, “polo amor que poñen no seu nobre oficio”.

Por último, quixo ter un recordo “para os homes e mulleres que, ao longo da historia, nos pasaron co tempo o porco celta e, moi nomeadamente para as mulleres, que o cociñaron. Uns e outras que poucas veces chegaban a catar as delicias dos xamóns porque os tiñan que vender para subsistir. Loados e loadas sexan.

Non esquezamos, tampouco, ao cociñeiro de Cinza e Lume e as demais persoas que están a traballar hoxe aquí para que todo saia ben e teñamos unha xornada inesquecible”.

“Saúde e paz e un longo percorrido para o cocido gourmet celta”, concluíu.

Unha cita con continuidade
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, afirma que con esta cita se pretende revalorizar o porco celta, que conta no municipio coa maior explotación deste tipo de animais, ao tempo que se busca que sexa un acontecemento turístico e gastronómico que teña continuidade e cada ano gane adeptos.

O Concello do Incio agradeceu a colaboración nesta primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta das empresas locais que se sumaron á iniciativa, como Cárnicas Teijeiro, Mel Casa Benito ou a Panadería Romo, así como de Asoporcel, Adegas Guímaro e a Xunta de Galicia.

O Concello do Incio aproba uns orzamentos que ascenden a 2,2 millóns de euros

plenoinvestidura (1)Venres, 28 de febreiro de 2025.- O Concello do Incio vén de aprobar no Pleno celebrado esta mañá os Orzamentos municipais para o ano 2025, que ascenden a 2,2 millóns de euros, unha contía similar a das contas do pasado ano. O grupo da oposición abstívose na votación.

O Goberno local destina unha importante partida dos investimentos reais a obras financiadas a través do plan Deputación de cooperación cos concellos. En concreto, prevese actuar na pavimentación de accesos aos núcleos de Ferrería, Saa, Monteagudo, San Salvador, Viladecais, Pacios, Viteses e Vilar da Vara.

Entre as actuacións previstas tamén se atopa a substitución do sistema de calefacción da Casa Consistorial por de aerotermia, así como a instalación dunha pequena planta fotovoltaica que axudará no bombeo do sistema de abastecemento de auga. Son medidas que se enmarcar ambas na Axenda 20-30 de desenvolvemento sostible que van permitir gañar eficiencia e rebaixar o consumo eléctrico.

Esforzo en gasto social
A pesar da falla de financiación estatal para destinar ao Servizo de Axuda no Fogar, o Concello do Incio fará un importante esforzo para seguir prestando este servizo, ao que sumarán o de Xantar na Casa do que poderán beneficiarse aquelas familias con dificultades que o precisen.

O alcalde, Héctor Corujo, destaca unha mellora na capacidade financeira do Goberno local tras ter sido capaces de baixar o endebedamento que herdaron coa súa chegada ao Concello. O rexedor explica que esta nova situación vai permitir, co apoio da Xunta de Galicia, levar a cabo diferentes actuacións en materia de vivenda, das que se irá dando conta en canto se confirmen as axudas solicitadas ao Goberno galego. En total, os investimentos reais previstos ascenden a máis de 466.000 euros.

Apoio á cultura
A maiores, o Goberno local amosa o seu apoio “decidido” a dúas das actividades culturais de maior relevancia no Concello, como son o Festival Terra Brava e o Tremeterra Fest, dous eventos musicais que xa teñen consolidado a súa relevancia e que cada ano gañan novo público. A estas citas súmase este ano a primeira edición do Cocido Gourmet de Porco Celta, que organiza o Concello do Incio para o 15 de marzo.

O Concello do Incio organiza o 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta

cocidogourmetXoves, 27 de febreiro de 2025.- O Concello do Incio organiza para o vindeiro sábado 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta, co obxectivo de reivindicar este produto e de ser un atractivo turístico gastronómico tanto na Comarca como a nivel galego.

O xantar celebrarase no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, a partir das dúas da tarde e contará co pregón da escritora da localidade Marica Campo, elixida para esta primeira cita por ser “un referente cultural desde o medio rural galego”.

Antes da comida haberá unha cata a cargo de Adegas Guímaro e contarase con Terra Brava como adega convidada. Ademais do cocido, o menú tamén estará composto por sobremesa e queimada.

Unha cita con continuidade
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, explica que con esta cita se pretende revalorizar o porco celta, que conta no municipio coa maior explotación deste tipo de animais, ao tempo que se busca que sexa un acontecemento turístico e gastronómico que teña continuidade e cada ano gane adeptos.
En canto á pregoeira, o rexedor destaca as súas orixes, a súa vinculación persoal e da súa obra literaria co medio rural e o terse convertido “nunha das maiores e mellores expoñentes da cultura do noso país”.

Venda de entradas
As persoas interesadas en participar neste evento culinario poden facerse coas súas entradas no Concello do Incio ou facendo a reserva nos números 982 42 70 14 e 604 01 72 64. A mesa de 12 comensais ten un prezo de 540 euros, mentres que a entrada solta se pode adquirir por 46 euros. A asistencia é con venda anticipada.

O Concello do Incio agradece a colaboración nesta primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta das empresas locais que se sumaron á iniciativa, así como de Asoporcel, Adegas Guímaro e a Xunta de Galicia.