O Concello do Incio adquire unha minicargadora compacta con rozadoira lateral para o servizo municipal e a realización de labores de prevención de incendios

Esta adquisición, adxudicada a Talleres Torneiro S.A. por importe de 93.526,95€, contou cunha axuda por importe de 30.000,00 € ao abeiro da “Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a concellos de Galicia para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cofinanciadas nun 60% pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Código de procedemento PR486F. DOG núm. 110, do 15 de xuño)”.

O Concello do Incio leva a cabo a execución das obras do proxecto “Mellora de servizos na aldea modelo de Trascastro e no núcleo rural de Eirexalba”, financiadas polo FEADER dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027

Estas actuacións, que obtiveron unha axuda pública por importe total de 100.000,00 euros, encádranse dentro das axudas convocadas polo AGADER para as anualidades 2026/2027 destinadas a “Proxectos de creación, mellora e ampliación dos servizos básicos en zonas rurais” (código de procedemento MR711D, DOG n.º 7 do 13/01/2026).

Por unha banda, en consonancia coa guía de recomendacións e boas prácticas publicada polo AGADER o cos criterios de puntuación establecidos na orde reguladora, leváronse a cabo na aldea modelo de Trascastro un conxunto de actuacións de mellora na rede de alumeado público, mellora na rede de pluviais, pavimentación de camiños interiores, recuperación e posta en valor dun espazo público destinado antigamente a lavadoiro, mellora de sinalización e a instalación dun cubre colectores.

En Eirexalba, mellórase o acceso e o aparcamento da Casa Niño e do Polideportivo, e construiuse un parque infantil nas súas inmediacións.

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade o inicio do procedemento de cesión gratuíta da titularidade da Casona ao Concello

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou hoxe por unanimidade o inicio do procedemento de cesión gratuíta da titularidade da Casona, propiedade da institución provincial, ao Concello do Incio. Tamén acordou iniciar a tramitación dun convenio de colaboración entre ambas as administracións, polo que a Deputación achegará 250.000 euros para financiar o inicio dos traballos de recuperación do inmoble.

O alcalde, Héctor Corujo, pon en valor este acordo, froito do esforzo e das numerosas xestións realizadas polo Goberno local ante a Deputación de Lugo para desbloquear unha situación que levaba máis de dúas décadas pendente de solución.

O rexedor destaca a importancia deste avance e insiste na necesidade de formalizar o convenio entre o Concello e a Deputación para que a recuperación do edificio poida facerse realidade. Corujo agradece o compromiso da institución provincial e lembra tamén que a Xunta de Galicia manifestou a súa disposición a colaborar economicamente na mesma medida que a Deputación.

O obxectivo do Concello é recuperar a Casona como espazo público ao servizo dos veciños e veciñas, dando resposta a unha reivindicación histórica do municipio.

O Concello do Incio executa a “Mellora do Camiño dos Mourelos” en Laiosa no marco das axudas para investimentos na Rede Natura 2000

As actuacións, cun orzamento de 19.686,39 € + IVE e unha axuda pública outorgada pola Xunta de Galicia por importe de 15.000,00€, cofinanciada nun 80% pola Unión Europea (FEADER) dentro do PEPAC 2023-2027, foron adxudicadas á empresa Ruraliza S.L.U. e consistiron fundamentalmente na limpeza e mellora da plataforma do camiño, canalización de pluviais e sinalización, adecuando e poñendo en valor este sendeiro que une os Concellos do Incio e da Pobra do Brollón na Rede Natura 2000 – Río Cabe.

O bo tempo e a afluencia de público acompañan a Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio

A XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio celébrase este sábado cun bo día de sol e unha importante afluencia de público na contorna do Concello, onde se reúnen máis de 60 postos.

Artesanía, produtos da terra e gastronomía centran unha xornada que conta tamén con obradoiros participativos, degustacións e actividades para os máis pequenos, entre outras propostas. A música tamén está presente na feira, coa actuación durante a mañá do grupo As Searas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, acompañado por parte do equipo de Goberno, pola directora territorial de Emprego, Carmen López, e polo deputado provincial Antonio Ameijide, visitou durante a mañá os postos da feira, entre eles os de produtores locais de mel e arandos. Tamén se achegaron á degustación de xamón de porco celta, ofrecida por Cárnicas Teijeiro S.L.

A programación continuará esta tarde con obradoiros abertos de Artesanía de Galicia, ás 16:00 horas, e coa actuación da charanga Sorcha, ás 17:00 horas. Tras o peche dos expositores, previsto para as 20:00 horas, ás 20:30 serviranse iscos de porco celta no guizo e, ás 22:00 horas, a actuación de Somoza Trío pechará a programación.

A feira pon en valor os produtos, os oficios e as tradicións do territorio.

O Incio celebra este sábado a XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra

O Incio celebra este sábado, 22 de agosto, a XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra, cunha programación que se desenvolverá ao longo de toda a xornada.

A feira abrirá ás 11:00 horas e contará con expositores, obradoiros abertos de Artesanía de Galicia, actividades da Furgoteca, xogos de habilidade e propostas gastronómicas, entre elas degustacións de xamón e iscos de porco celta.

A música tamén estará presente coa participación do grupo As Searas, a charanga Sorcha e Somoza Trío, que actuará ás 22:00 horas.

O alcalde do Incio agradece que a Deputación desbloquee a situación da Casona para poder recuperala como espazo público

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo no seu despacho coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para abordar diversos temas de interese para o municipio.

En concreto, ambos os mandatarios abordaron a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación. A presidenta provincial trasladou o seu compromiso de transferir o inmoble ao Concello, así como o de achegar o importe comprometido para a súa rehabilitación, 250.000 euros.

Trátase, segundo explica o rexedor, dunha gran nova para O Incio, despois de que o presidente da Xunta tamén manifestara o compromiso hai uns días de colaborar na súa rehabilitación “na mesma medida en que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas”.

Héctor Corujo explica que estes compromisos que veñen de trasladar ambos os mandatarios se van formalizar coa sinatura dos correspondentes convenios de colaboración, o paso previo para dar comezo ás obras.

Unha débeda cos veciños e veciñas

O alcalde agradece que a Deputación desbloquee a situación e recorda as xestións que o Goberno local ten levado a cabo para que isto sexa unha realidade. “Foi precisa moita insistencia para desbloquear esta débeda histórica cos veciños e veciñas, polo que cremos que camiñamos na boa dirección e que hoxe é un bo día para O Incio”, remarca.

O alcalde do Incio mantén unha reunión de traballo co presidente da Xunta para avanzar en asuntos de interese para a localidade

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar diversos temas de interese para o municipio.

O rexedor agradece a boa disposición do xefe do Executivo autonómico coas necesidades que lle trasladou.

En concreto, ambos os mandatarios abordaron a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación. O presidente expresou o seu compromiso de colaborar na súa rehabilitación na mesma medida que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas.

Na reunión de hoxe, a primeira que o rexedor mantén co presidente, tamén abordaron outros temas, como a importancia de recuperar o antigo balneario da Ferrería, o estudo do desenvolvemento dun polígono industrial na localidade ou o impulso do itinerario cultural Eufrasiano, para o que se podería optar a axudas da administración galega.

O Concello do Incio promove un campo de voluntariado para poñer en valor o patrimonio natural e cultural das parroquias de Trascastro, A Ferrería e Hospital

O Concello do Incio promove este verán o campo de voluntariado ‘Territorio Sonoro’, unha iniciativa de carácter artístico e cultural que se desenvolverá entre os días 12 e 23 de xullo nas parroquias de Trascastro, A Ferrería e Hospital co obxectivo de recuperar, conservar e difundir o patrimonio natural, histórico e humano do municipio. O campo conta con 15 prazas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. A iniciativa é de ámbito estatal.

O campo de voluntariado está promovido polo Concello do Incio, conta coa colaboración de Outonía Sociedade Cooperativa Galega e está financiado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata tres días antes do inicio da actividade a través da páxina web xuventude.xunta.gal. O prezo de participación é de 110 euros e inclúe aloxamento, manutención, seguro e todas as actividades programadas durante o campo. Para maior información ponse á disposición o correo electrónico camposdevoluntariado.xuventude@xuntal.gal.

Recuperar a memoria do territorio a través do son

O proxecto busca crear audiopaseos xeolocalizados baseados na convivencia coa veciñanza e na investigación sobre o territorio, xerando novos recursos turísticos sostibles vinculados á identidade local e á cultura rural. A proposta pretende tamén combater estereotipos sobre o rural mediante a participación xuvenil e a creación artística.

Durante os días de actividade, os participantes na iniciativa participarán na recollida de historias e memoria oral, entrevistas con veciños e veciñas, gravación de saberes tradicionais, música e baile popular, así como na selección de espazos de interese patrimonial e emocional das parroquias. Ademais, traballarán na creación de rutas temáticas, na elaboración de guións sonoros e na gravación e edición de pezas de audio inmersivas.

O resultado final será a creación de audiopaseos e arquivos sonoros xeolocalizados que quedarán a disposición do Concello do Incio como ferramenta permanente de dinamización turística e arquivo da memoria local. A programación incluirá tamén unha xornada pública de clausura para compartir coa veciñanza o traballo desenvolvido.

Actividades

O campo completarase con actividades complementarias para coñecer o territorio, entre elas visitas a espazos culturais como A Grelería (O Incio), a SEDE (Sarria) ou o Museo de Pedra de Buxán; unha paseo pola Ruta do Ferro; actividades no encoro de Vilasouto e na área recreativa de Saa; un obradoiro de baile tradicional “A carballesa” e diferentes veladas nocturnas.

Éxito de participación na II edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio

A segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio celebrouse este sábado en Eirexalba co obxectivo de reivindicar este produto autóctono e afianzar a iniciativa dentro do calendario gastronómico galego. A cita foi un éxito e conseguiu congregar a máis de 300 persoas no Hotel Hermida Rural.

A pregoeira desta edición foi a cantante Lucía Pérez, natural do municipio. Xunto a ela, o humorista David Amor participou como embaixador do evento. No seu pregón Lucía referiuse ao porco celta como “un símbolo de identidade, de resistencia e de futuro”. Asegurou que apostar por esta raza “é apostar por manter viva a nosa terra, a nosa cultura e a nosa economía local”. Tivo palabras para Ánxel Fole, Marica Campo e para as protagonistas silenciosas da cociña, as mulleres, e remarcou que o Cocido Gourmet “representa o encontro entre tradición e innovación”.

Programa

A programación deu comezo ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada coa colaboración de Bruno Lovelle, na que se ofreceron petiscos gourmet elaborados con Porco Celta como aperitivo. Tras o pregón, celebrouse o xantar, que tivo como prato estrela o cocido, seguido dunha queimada co seu tradicional conxuro.

Ás 18:00 horas terá lugar o concerto do grupo Deloreans, que interpretará versións de temas indie, pop e rock. Xa ás 20:00 horas celebrarase unha cea con iscos ao espeto e, posteriormente, a xornada pecharase cunha noite de destilados selectos e combinados.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destacou que esta segunda edición dá continuidade a un proxecto que naceu coa intención de fortalecer a identidade gastronómica do municipio e respaldar o sector do Porco Celta. Ademais, incidiu en que a meta é que o evento medre progresivamente, gañe visibilidade e se consolide como unha referencia dentro das citas gastronómicas tanto da provincia como do conxunto de Galicia.