O Pleno da Deputación de Lugo aprobou hoxe por unanimidade o inicio do procedemento de cesión gratuíta da titularidade da Casona, propiedade da institución provincial, ao Concello do Incio. Tamén acordou iniciar a tramitación dun convenio de colaboración entre ambas as administracións, polo que a Deputación achegará 250.000 euros para financiar o inicio dos traballos de recuperación do inmoble.
O alcalde, Héctor Corujo, pon en valor este acordo, froito do esforzo e das numerosas xestións realizadas polo Goberno local ante a Deputación de Lugo para desbloquear unha situación que levaba máis de dúas décadas pendente de solución.
O rexedor destaca a importancia deste avance e insiste na necesidade de formalizar o convenio entre o Concello e a Deputación para que a recuperación do edificio poida facerse realidade. Corujo agradece o compromiso da institución provincial e lembra tamén que a Xunta de Galicia manifestou a súa disposición a colaborar economicamente na mesma medida que a Deputación.
O obxectivo do Concello é recuperar a Casona como espazo público ao servizo dos veciños e veciñas, dando resposta a unha reivindicación histórica do municipio.

