O bo tempo e a afluencia de público acompañan a Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio

A XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio celébrase este sábado cun bo día de sol e unha importante afluencia de público na contorna do Concello, onde se reúnen máis de 60 postos.

Artesanía, produtos da terra e gastronomía centran unha xornada que conta tamén con obradoiros participativos, degustacións e actividades para os máis pequenos, entre outras propostas. A música tamén está presente na feira, coa actuación durante a mañá do grupo As Searas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, acompañado por parte do equipo de Goberno, pola directora territorial de Emprego, Carmen López, e polo deputado provincial Antonio Ameijide, visitou durante a mañá os postos da feira, entre eles os de produtores locais de mel e arandos. Tamén se achegaron á degustación de xamón de porco celta, ofrecida por Cárnicas Teijeiro S.L.

A programación continuará esta tarde con obradoiros abertos de Artesanía de Galicia, ás 16:00 horas, e coa actuación da charanga Sorcha, ás 17:00 horas. Tras o peche dos expositores, previsto para as 20:00 horas, ás 20:30 serviranse iscos de porco celta no guizo e, ás 22:00 horas, a actuación de Somoza Trío pechará a programación.

A feira pon en valor os produtos, os oficios e as tradicións do territorio.

O Incio celebra este sábado a XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra

O Incio celebra este sábado, 22 de agosto, a XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra, cunha programación que se desenvolverá ao longo de toda a xornada.

A feira abrirá ás 11:00 horas e contará con expositores, obradoiros abertos de Artesanía de Galicia, actividades da Furgoteca, xogos de habilidade e propostas gastronómicas, entre elas degustacións de xamón e iscos de porco celta.

A música tamén estará presente coa participación do grupo As Searas, a charanga Sorcha e Somoza Trío, que actuará ás 22:00 horas.

O alcalde do Incio agradece que a Deputación desbloquee a situación da Casona para poder recuperala como espazo público

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo no seu despacho coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para abordar diversos temas de interese para o municipio.

En concreto, ambos os mandatarios abordaron a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación. A presidenta provincial trasladou o seu compromiso de transferir o inmoble ao Concello, así como o de achegar o importe comprometido para a súa rehabilitación, 250.000 euros.

Trátase, segundo explica o rexedor, dunha gran nova para O Incio, despois de que o presidente da Xunta tamén manifestara o compromiso hai uns días de colaborar na súa rehabilitación “na mesma medida en que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas”.

Héctor Corujo explica que estes compromisos que veñen de trasladar ambos os mandatarios se van formalizar coa sinatura dos correspondentes convenios de colaboración, o paso previo para dar comezo ás obras.

Unha débeda cos veciños e veciñas

O alcalde agradece que a Deputación desbloquee a situación e recorda as xestións que o Goberno local ten levado a cabo para que isto sexa unha realidade. “Foi precisa moita insistencia para desbloquear esta débeda histórica cos veciños e veciñas, polo que cremos que camiñamos na boa dirección e que hoxe é un bo día para O Incio”, remarca.