O alcalde do Incio mantén unha reunión de traballo co presidente da Xunta para avanzar en asuntos de interese para a localidade

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar diversos temas de interese para o municipio.

O rexedor agradece a boa disposición do xefe do Executivo autonómico coas necesidades que lle trasladou.

En concreto, ambos os mandatarios abordaron a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación. O presidente expresou o seu compromiso de colaborar na súa rehabilitación na mesma medida que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas.

Na reunión de hoxe, a primeira que o rexedor mantén co presidente, tamén abordaron outros temas, como a importancia de recuperar o antigo balneario da Ferrería, o estudo do desenvolvemento dun polígono industrial na localidade ou o impulso do itinerario cultural Eufrasiano, para o que se podería optar a axudas da administración galega.