Éxito de participación na II edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio

A segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio celebrouse este sábado en Eirexalba co obxectivo de reivindicar este produto autóctono e afianzar a iniciativa dentro do calendario gastronómico galego. A cita foi un éxito e conseguiu congregar a máis de 300 persoas no Hotel Hermida Rural.

A pregoeira desta edición foi a cantante Lucía Pérez, natural do municipio. Xunto a ela, o humorista David Amor participou como embaixador do evento. No seu pregón Lucía referiuse ao porco celta como “un símbolo de identidade, de resistencia e de futuro”. Asegurou que apostar por esta raza “é apostar por manter viva a nosa terra, a nosa cultura e a nosa economía local”. Tivo palabras para Ánxel Fole, Marica Campo e para as protagonistas silenciosas da cociña, as mulleres, e remarcou que o Cocido Gourmet “representa o encontro entre tradición e innovación”.

Programa

A programación deu comezo ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada coa colaboración de Bruno Lovelle, na que se ofreceron petiscos gourmet elaborados con Porco Celta como aperitivo. Tras o pregón, celebrouse o xantar, que tivo como prato estrela o cocido, seguido dunha queimada co seu tradicional conxuro.

Ás 18:00 horas terá lugar o concerto do grupo Deloreans, que interpretará versións de temas indie, pop e rock. Xa ás 20:00 horas celebrarase unha cea con iscos ao espeto e, posteriormente, a xornada pecharase cunha noite de destilados selectos e combinados.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destacou que esta segunda edición dá continuidade a un proxecto que naceu coa intención de fortalecer a identidade gastronómica do municipio e respaldar o sector do Porco Celta. Ademais, incidiu en que a meta é que o evento medre progresivamente, gañe visibilidade e se consolide como unha referencia dentro das citas gastronómicas tanto da provincia como do conxunto de Galicia.