O Concello do Incio levou a cabo en 2025 a actuación “Mellora de acceso a aldea modelo de Trascastro”.
Esta actuación, consistente na adecuación dun camiño municipal en Trascastro e que da continuidade a outras actuacións recentes na Aldea Modelo, contou cunha axuda do AGADER por importe de 69.246,05 € ao abeiro da “Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).
AS ALDEAS MODELO
Unha aldea modelo é un tipo de instrumento de recuperación da terra agraria que ten como obxectivo poñer en produción, de xeito sustentable, as terras abandonadas de alta capacidade produtiva que rodean os núcleos de poboación, contribuíndo así á creación de actividade agrogandeira e á redución do risco de incendios.
Condicións:
As terras perimetrais da aldea deben estar na súa maioría nun estado de grave abandono, ao tempo que deben ter unha boa capacidade produtiva.
É necesario o acordo das persoas propietarias dun mínimo do 70% da superficie.
As persoas propietarias dos terreos comprométense a incorporalos ao Banco de terras por un período mínimo de 10 anos.
Características:
É un instrumento totalmente voluntario; se o propietario non quere participar, as súas terras quedan excluídas.
Non se reestruturan as parcelas, é dicir, non se tocan os marcos.
As parcelas son arrendadas ás persoas propietarias a través do Banco de terras, polo que estes conservan a súa titularidade.
Préstase especial atención ao mantemento, conservación e recuperación das infraestruturas agrarias (valados e rede de camiños interiores).
É unha actuación respectuosa e sostible, ligada fundamentalmente a producións tradicionais e preferiblemente ecolóxicas.
Formarán parte dunha Rede de Aldeas Modelo para xerar sinerxías e compartir coñecementos.
Fundamento legal:
Artigos 79 e seguintes da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Artigos 47.bis e 47.ter da Lei 6/2011 de mobilidade de terras.
Aldea modelo de Trascastro:
Declarada aldea modelo o 12/11/2019, primeira aldea modelo da provincia de Lugo.
14,00 hectáreas de superficie.
136 parcelas.
82 propietarios catastrais.
Gandería en extensivo de vacún, de raza autóctona cachena.
