O Concello do Incio aproba uns orzamentos que ascenden a 2,2 millóns de euros

plenoinvestidura (1)Venres, 28 de febreiro de 2025.- O Concello do Incio vén de aprobar no Pleno celebrado esta mañá os Orzamentos municipais para o ano 2025, que ascenden a 2,2 millóns de euros, unha contía similar a das contas do pasado ano. O grupo da oposición abstívose na votación.

O Goberno local destina unha importante partida dos investimentos reais a obras financiadas a través do plan Deputación de cooperación cos concellos. En concreto, prevese actuar na pavimentación de accesos aos núcleos de Ferrería, Saa, Monteagudo, San Salvador, Viladecais, Pacios, Viteses e Vilar da Vara.

Entre as actuacións previstas tamén se atopa a substitución do sistema de calefacción da Casa Consistorial por de aerotermia, así como a instalación dunha pequena planta fotovoltaica que axudará no bombeo do sistema de abastecemento de auga. Son medidas que se enmarcar ambas na Axenda 20-30 de desenvolvemento sostible que van permitir gañar eficiencia e rebaixar o consumo eléctrico.

Esforzo en gasto social
A pesar da falla de financiación estatal para destinar ao Servizo de Axuda no Fogar, o Concello do Incio fará un importante esforzo para seguir prestando este servizo, ao que sumarán o de Xantar na Casa do que poderán beneficiarse aquelas familias con dificultades que o precisen.

O alcalde, Héctor Corujo, destaca unha mellora na capacidade financeira do Goberno local tras ter sido capaces de baixar o endebedamento que herdaron coa súa chegada ao Concello. O rexedor explica que esta nova situación vai permitir, co apoio da Xunta de Galicia, levar a cabo diferentes actuacións en materia de vivenda, das que se irá dando conta en canto se confirmen as axudas solicitadas ao Goberno galego. En total, os investimentos reais previstos ascenden a máis de 466.000 euros.

Apoio á cultura
A maiores, o Goberno local amosa o seu apoio “decidido” a dúas das actividades culturais de maior relevancia no Concello, como son o Festival Terra Brava e o Tremeterra Fest, dous eventos musicais que xa teñen consolidado a súa relevancia e que cada ano gañan novo público. A estas citas súmase este ano a primeira edición do Cocido Gourmet de Porco Celta, que organiza o Concello do Incio para o 15 de marzo.

O Concello do Incio organiza o 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta

cocidogourmetXoves, 27 de febreiro de 2025.- O Concello do Incio organiza para o vindeiro sábado 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta, co obxectivo de reivindicar este produto e de ser un atractivo turístico gastronómico tanto na Comarca como a nivel galego.

O xantar celebrarase no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, a partir das dúas da tarde e contará co pregón da escritora da localidade Marica Campo, elixida para esta primeira cita por ser “un referente cultural desde o medio rural galego”.

Antes da comida haberá unha cata a cargo de Adegas Guímaro e contarase con Terra Brava como adega convidada. Ademais do cocido, o menú tamén estará composto por sobremesa e queimada.

Unha cita con continuidade
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, explica que con esta cita se pretende revalorizar o porco celta, que conta no municipio coa maior explotación deste tipo de animais, ao tempo que se busca que sexa un acontecemento turístico e gastronómico que teña continuidade e cada ano gane adeptos.
En canto á pregoeira, o rexedor destaca as súas orixes, a súa vinculación persoal e da súa obra literaria co medio rural e o terse convertido “nunha das maiores e mellores expoñentes da cultura do noso país”.

Venda de entradas
As persoas interesadas en participar neste evento culinario poden facerse coas súas entradas no Concello do Incio ou facendo a reserva nos números 982 42 70 14 e 604 01 72 64. A mesa de 12 comensais ten un prezo de 540 euros, mentres que a entrada solta se pode adquirir por 46 euros. A asistencia é con venda anticipada.

O Concello do Incio agradece a colaboración nesta primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta das empresas locais que se sumaron á iniciativa, así como de Asoporcel, Adegas Guímaro e a Xunta de Galicia.