O Concello do Incio levou a cabo diversas actividades durante o curso escolar 2022-23 dentro do Programa de conciliación do Concello do Incio, para o que contou con 28.710,00 € de financiamento procedente da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdad dentro do “Plan Corresponsables”.
As actuacións consistiron en diversas bolsas de coidados profesionais en dependencias públicas que facilitaron a conciliación familiar e laboral de preto de 25 familias do municipio e 40 nenos e nenas con atención antes e despois da xornada lectiva, así como durante as matinais dos meses de verán.
Deste xeito, estivo en funcionamento durante os meses lectivos o servizo de madrugadores durante dúas horas diarias antes da xornada escolar, bolsa de coidados despois da xornada lectiva con especialización en diferentes materias (informática, robótica, teatro, inglés, patinaxe…) e un campamento de verán durante as mañás dos meses de xullo e agosto.
O Programa de conciliación do Concello do Incio terá continuidade no vindeiro curso escolar 2023-24.