O alcalde do Incio analiza as posibilidades turísticas de Vilasouto co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde

vilasoutoVenres, 26 de maio de 2023.- O alcalde do Incio, Héctor Corujo, visitou esta semana a zona do encoro de Vilasouto acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, para analizar as posibilidades turísticas da zona.

O rexedor aproveitou a visita do vicepresidente ás instalacións de Magnesitas de Rubián para trasladarlle a potencialidade do encoro de Vilasouto e ver posibles vías de comunicación coa administración autonómica.

Héctor Corujo recordoulle ao conselleiro que o embalse de Vilasouto é navegable con embarcacións sen motor, o que aumenta as posibilidades de ocio e deportivas do espazo. Tanto é así que xa existe algunha iniciativa de aproveitamento do encoro a través de canoas.

A maiores, o alcalde considera que toda a zona que rodea o embalse ten “enormes posibilidades”, polo que lle agradece a Francisco Conde o interese amosado na súa visita que, agarda, “moi pronto” poida traducirse en liñas de colaboración entre o Goberno local e a Xunta.

O Concello do Incio levará a cabo a contratación de 3 peóns con cargo ao Plan Único 2023 da Deputación de Lugo

plan unico 2023O Concello do Incio conta cunha partida de 32.250 €, procedente do Plan Único 2023 da Excma. Deputación Provincial de Lugo destinada ao fomento de emprego.

O Concello levará a cabo a contratación de 3 peóns de usos múltiples, cunha duración de seis meses, a xornada completa, para dedicarse a tarefas de mantemento, conservación, desbroce das vías municipais e acondicionamento de espazos públicos.

Os Concellos do Incio, Bóveda e A Pobra do Brollón impulsan un novo obradoiro dual de emprego

obradoiroempregoVenres, 12 de maio de 2023.- O Concello do Incio será este ano a administración promotora dun novo obradoiro dual de emprego para os Concellos do Incio, Bóveda e A Pobra do Brollón. Na reunión celebrada esta semana participaron os alcaldes Xosé Lois Maceda (A Pobra do Brollón), José Manuel Arias (Bóveda) e Héctor Corujo (O Incio), así como a directora do obradoiro, Verónica Quintela.
Os rexedores dos tres municipios e a directora do taller mantiveron unha xuntanza de traballo co obxectivo de avanzar na tramitación dun novo obradoiro ante a Xunta de Galicia.

Ao igual que o obradoiro actual, no que están a participar 20 alumnos cunha duración de 12 meses, a formación vai estar centrada na silvicultura e na recuperación de zonas verdes dos tres municipios. A maiores, explica Héctor Corujo, o Concello do Incio, que este ano será o promotor da iniciativa, “incluirá ademais a recuperación de elementos patrimoniais, como lavadoiros, a través de persoal municipal”.

“O traballo do persoal do obradoiro estará centrado en recuperar e manter zonas verdes de titularidade municipal, así como no mantemento de rutas de sendeirismo nos tres municipios implicados”, abunda o rexedor.

Traballo de utilidade pública ou interese social
O obradoiro de emprego realízase grazas a unha subvención da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, co obxectivo de que persoas traballadoras desempregadas reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo de utilidade pública ou interese social.

Ao remate, os participantes recibiren un certificado de profesionalidade na especialidade de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, complementado cun módulo formativo en operacións auxiliares en tratamentos silvícolas.