O Concello do Incio, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Excma. Deputación Provincial de Lugo, dedicou un total de 20.000 € ao programa cultural, 5.000 € ao programa de deportes e 5.000 € a turismo

plan unico 2022O Concello do Incio contou na anualidade 2022 cun total de 30.000 € procedentes do Plan Único 2022 para a realización de diversas actividades culturais, actividades deportivas e promoción turística.

Programa cultural:
Con cargo a este programa, colaborouse na organización da XVIII edición do festival “Terra Brava”, celebrado o día 13 de Agosto na Cruz do Incio e para o que se destinou unha partida de 5.000,00 €.
Así mesmo, leváronse a cabo clases de música tradicional (música en movemento, percusión e gaita) para nenos e adultos na Cruz do Incio, fomentando así a cultura tradicional galega. Para esta actividade destinouse unha partida do Plan Único por un total de 3.500,00 €.

Un ano máis, tamén se colaborou na edición, deseño e impresión da revista cultural “Os Fanagueiros” cun total de 1.500,00 €.
Por último, púxose en marcha ao longo do ano 2022 un “circuito cultural nas parroquias”, achegando diversas actividades culturais a diferentes puntos do Concello, o que supuxo unha partida total de 10.000,00 €. Con cargo a este programa celebrouse unha festa infantil na Cruz do Incio, o espectáculo “Rockeando con Ramona Órbita” de Pakolas, actuación cultural de “Brais das Hortas”, “Fazulas e o ladrón de paraugas”, “Uxía lambona e a banda molona”, “Peter Punk”, e a comedia teatral “Saaabor” entre outras.

Programa deportes:
Con cargo a este programa, levouse a cabo a actuación “deporte nas parroquias”, mediante a cal se programaron clases de zumba e pilates nos lugares de Vilademouros, Val do Mao e O Incio. Este programa tivo unha aportación de 5.000,00 € con cargo ao Plan Único 2022.

Programa turismo:
O Concello do Incio destinou unha partida de 5.000,00 € do Plan Único 2022 a unha campaña de promoción turística do Concello, para así dar a coñecer a cantidade de recursos turísticos cos que conta esta terra. Para elo, levouse a cabo promoción turística no “Rally Terras do Incio”, editáronse 800 calendarios con imaxes do municipio para o seu reparto entre veciños e visitantes, e adquiríronse 50 exemplares do libro “Brianda de Moás” para o seu reparto entre veciños e asistentes á presentación do libro que tivo lugar no multiusos do Concello, un libro que fala da batalla dos mouros que tivo lugar na parroquia do Viso, de gran interese histórico e turístico.

O Concello do Incio dá un paso máis na aprobación definitiva do PXOM

Luns, 12 de decembro de 2022.- O Concello do Incio deulle hoxe o visto bo nunha sesión de Pleno extraordinaria á terceira aprobación provisional do PXOM. A proposta foi aprobada por unanimidade. O Goberno local fixo a segunda aprobación provisional a finais do ano pasado, e unha vez enviada á Xunta, desde o Goberno autonómico requiriron novas informes sectoriais como paso previo á súa aprobación definitiva.

Unha vez obtidos os informes dos correspondentes organismos, e realizadas as modificacións menores que indicaban, procedía unha terceira aprobación provisional polo Pleno, como paso previo antes de remitir de novo o PXOM á Xunta para que o Goberno autonómico poida pronunciarse sobre a aprobación definitiva do documento.

Así, o Concello do Incio, incorporados os informes pendentes ao expediente administrativo e solucionadas as deficiencias técnicas que apareceron froito destes novos informes, informado favorablemente polo técnico municipal en data 5 de decembro de 2022, procedeu hoxe a unha nova aprobación provisional para a súa posterior remisión á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo para que resolva, se procede, sobre a aprobación definitiva.

Fase de alegacións
Durante o trámite de información pública, foron presentadas 132 alegacións por parte de persoas interesadas, que foron resoltas polo Pleno da Corporación Local en data 12 de maio de 2017, resultando aceptadas na súa integridade 61 (46.21%), parcialmente aceptadas 42 (31,82%) e rexeitadas 29 (21,97%).

Un paso importante froito do compromiso cos veciños
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, amosa a súa satisfacción ante este “paso importante” para a aprobación do plan e recorda que un dos compromisos cos veciños e veciñas era facer todo o traballo preciso para ter o documento aprobado neste mandato”.
O rexedor recorda que a revisión comezou a tramitarse hai máis dunha década para reducir o solo urbano e, en consecuencia, rebaixar as cantidades que os veciños e veciñas deben pagar en concepto de IBI.

O Concello do Incio convoca un concurso de decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal

Venres, 9 de decembro de 2022.- O Concello do Incio convoca un concurso de decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal, coa finalidade de promover e contribuír a crear un ambiente festivo no Concello nestas datas.

Tal e como establecen as bases, poderán participar no concurso todas aquelas persoas que teñan vivendas situadas no ámbito territorial do Concello do Incio, podendo inscribirse unha persoa maior de idade por vivenda.

O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 16 de decembro a través da sede electrónica do Concello do Incio https://concellooincio.sedelectronica.gal ou ben presencialmente no rexistro, en horario de 09:00 h a 14:00 horas, cubrindo un anexo de inscrición, dispoñible no taboleiro de anuncios da sede electrónica e nas oficinas municipais.

As bases fixan ademais que a temática de decoración será relacionada exclusivamente co ambiente propio das Festas do Nadal.

A decoración deberá estar visible dende a vía pública, e completamente instalada durante o período do 19 de decembro de 2022 ao 7 de xaneiro de 2023.

A decoración deberá estar nunha vivenda situada no ámbito territorial do Concello do Incio (fachadas, xardíns, balcóns, xanelas) e non deberá causar ningún perigo nin prexuízo a persoas e bens, sendo responsable de calquera dano o propietario e eximindo ao Concello de calquera responsabilidade, podendo ser excluído por este motivo.

Os participantes inscritos poderán achegar fotografías da súa decoración, que o Concello exporá nas súas redes sociais, entre os días 19 de decembro de 2022 ao 7 de xaneiro de 2023.

A valoración das decoracións será realizada por un xurado que se designará ao efecto, e que realizará visitas ás vivendas, sen previo aviso, entre os días 19 de decembro de 2022 ao 7 de xaneiro de 2023.

Premios

Haberá tres premios para os gañadores: Un 1º premio de 150 euros; un 2º premio de 100 euros; e un 3º premio de 50 euros.

Criterios de valoración.

-Orixinalidade: 0 a 2 puntos.

-Complexidade: 0 a 2 puntos.

-Deseño: 0 a 2 puntos.

-Artesanía: 0 a 2 puntos.

-Iluminación (non/si): 0 a 1 puntos.

-Utilización de materiais reciclados (non/si): 0 a 1 puntos.

No caso de empate, o xurado establecerá o mecanismo que considere máis axeitado para desempatar. A resolución dos premios será exposta no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello do Incio.

O Concello do Incio comprobará durante o prazo de participación (19 de decembro de 2022 a 7 de xaneiro de 2023) que efectivamente a decoración permanece exposta, sendo motivo de exclusión o non cumprimento deste punto.