O Concello do Incio colocará o vindeiro sábado 22 de outubro na Praza de España, de 11:00 horas a 13:00 horas, unha carpa informativa a fin de que os veciños e veciñas do termo municipal interesados en participar na campaña de compostaxe doméstica se poidan informar e inscribir na mesma.
A campaña está ideada para a participación de 40 vivendas pertencentes ao termo municipal que recibirán un composteiro de forma totalmente gratuíta. Dende o Concello anímase a veciños e veciñas á súa participación, para entre todos colaborar por un concello limpo e respectuoso co medio ambiente. Os interesados poderán inscribirse ben na propia carpa ou ben nas oficinas municipais, presencialmente ou de forma telefónica, a partir do 22 de outubro ata fin de existencias.
Esta iniciativa desenvolvese en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia -no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU-, e complementa a outras iniciativas desta índole desenvolvidas polo ente municipal.