O Concello do Incio convoca un concurso de decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal

Venres, 10 de decembro de 2021.- O Concello do Incio convoca un concurso de decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal, coa finalidade de promover e contribuír a crear un ambiente festivo no Concello nestas datas.

Concurso Decoración Vivendas Nadal 2021

Tal e como establecen as bases, poderán participar no concurso todas aquelas persoas que teñan vivendas situadas no ámbito territorial do Concello do Incio, podendo inscribirse unha persoa maior de idade por vivenda.

O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 20 de decembro a través da sede electrónica do Concello do Incio https://concellooincio.sedelectronica.gal ou ben presencialmente no rexistro, en horario de 9:00 h a 14:00 horas, cubrindo un anexo de inscrición, dispoñible no taboleiro de anuncios da sede electrónica e nas oficinas municipais.

As bases fixan ademais que a temática de decoración será relacionada exclusivamente co ambiente propio das Festas do Nadal.

A decoración deberá estar visible dende a vía pública, e completamente instalada durante o período do 21 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022.

A decoración deberá ser nunha vivenda situada no ámbito territorial do Concello do Incio (fachadas, xardíns, balcóns, xanelas) e non deberá causar ningún perigo nin prexuízo a persoas e bens, sendo responsable de calquera dano o propietario e eximindo ao Concello de calquera responsabilidade, podendo ser excluído por este motivo.

Os participantes inscritos poderán achegar fotografías da súa decoración, que o Concello exporá nas súas redes sociais, entre os días 21 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022.

A valoración das decoracións será realizada por un xurado que se designará ao efecto, e que realizará visitas ás vivendas, sen previo aviso, entre os días 21 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022.

Haberá tres premios para os gañadores: Un 1º premio de 150,00 euros; un 2º premio de 100,00 euros; e un 3º premio de 50,00 euros.

Criterios de valoración.

-Orixinalidade: 0 a 2 puntos.

-Complexidade: 0 a 2 puntos.

-Deseño: 0 a 2 puntos.

-Artesanía: 0 a 2 puntos.

-Iluminación (non/si): 0 a 1 puntos.

-Utilización de materiais reciclados (non/si): 0 a 1 puntos.

No caso de empate, o xurado establecerá o mecanismo que considere máis axeitado para desempatar. A resolución dos premios será exposta no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello do Incio.

O Concello do Incio comprobará durante o prazo de participación (21 de decembro de 2021 a 6 de xaneiro de 2022) que efectivamente a decoración permanece exposta, sendo motivo de exclusión o non cumprimento deste punto.

O Concello do Incio executa as obras de abastecemento ao núcleo de Santa Cruz de Oural

Venres, 10 de decembro de 2021.- O Concello do Incio vén de executar as obras de abastecemento ao núcleo de Santa Cruz de Oural, unha obra proxectada en 50.000 € e financiada nun 90% por Augas de Galicia e fondos FEDER “Unha maneira de facer Europa”, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Esta axuda encádrase na convocatoria de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e que se convocan para o ano 2021 (procedemento AU300A).

As obras foron adxudicadas a empresa Adecon Obras y Servicios S.L., que durante os pasados días levou a cabo as actuacións necesarias para dotar de auga municipal ao núcleo de Santa Cruz de Oural.

Logo fondos europeosLogo XuntaLogo Xacobeo 21-22