O Concello do Incio aproba unha liña de axudas ao sector hostaleiro para paliar os efectos da covid-19

Martes, 30 de novembro de 2021.- O Concello do Incio aprobou hoxe, a proposta da alcaldía e por unanimidade, as bases e a convocatoria dunha liña de axudas para o impulso da actividade económica e paliar os efectos da covid-19 dirixidas ao sector hostaleiro.

O alcalde, Héctor Corujo, explica que “a situación excepcional derivada da crise da covid-19 afecta duramente ao sector hostaleiro”. Nese sentido, considera “imprescindible dirixir axudas para contribuír ao financiamento de certos gastos correntes que tiveron que afrontar as pequenas empresas e autónomos do sector no contexto de peche obrigado da súa actividade, limitacións de horarios, restricións de aforo, etc.”.

O Concello do Incio dirixe a estas axudas un importe de 5.000 euros do vixente orzamento municipal para o que se conta con financiamento procedente do Plan Único 2021 de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo.

Casa do Concello do Incio

As axudas comprenderán unha cantidade equivalente aos recibos de auga / lixo que soportou o establecemento dende o 2º trimestre de 2020 ata o 3º trimestre de 2021 (ambos incluídos), así como unha cantidade fixa por solicitante en concepto de axuda para outros gastos correntes. Esta última será proporcional ao excedente existente, de existir, unha vez sexa asignada a cantidade a outorgar a cada participante en concepto de recibos de auga / lixo e sempre ata un máximo de 2.000 euros por solicitude e 5.000 de crédito orzamentario total para o conxunto de participantes.

Estas axudas diríxense a persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas que dispoñan dun negocio no termo municipal do Incio e que permanecese pechado e non puidese desempeñar ningunha actividade durante o estado de alarma e/ou que se vise afectado polas posteriores restricións de horarios e aforos, sempre que a súa actividade pertenza ás agrupacións 67 ou 68 do I.A.E.

É necesario estar de alta na súa actividade cunha anterioridade mínima de 6 meses antes da publicación das bases, así como no momento de solicitude da subvención. Non poderán acollerse aquelas que pechasen a súa actividade con anterioridade á declaración do estado de alarma, nin aqueloutras que declarasen o peche definitivo da actividade na actualidade. Así mesmo, non poderán solicitar o peche definitivo da actividade nos vindeiros 6 meses seguintes ao cobro da subvención.

Tamén son requisitos imprescindibles, entre outros, xustificar calquera subvención que lle foi concedida con anterioridade polo Concello do Incio, sempre que finalice o correspondente prazo de xustificación; teren aprobadas as liquidacións ou contas do último exercicio vencido legalmente esixibles e someterse aos procedementos de control que poida realizar a intervención.

A participación neste programa é compatible coa obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Lugar e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica do Concello do Incio acompañadas da documentación requirida e recollida nas bases que estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello, xunto ao formulario. Os autónomos que non exerzan funcións colexiadas poderán presentar a súa solicitude fisicamente ante a oficina de asistencia en materia de rexistro do Concello do Incio.

O prazo será de 10 días hábiles a partires do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

O pago destas axudas realizarase nun pago único pola totalidade do importe concedido, mediante transferencia bancaria, a partir da data da resolución de concesión, sen que sexa necesaria a constitución de garantías.

Nenos e nenas do Incio e do Courel lanzan un vídeo musical co que concienciar sobre a violencia de xénero e a igualdade desde o rural

Martes, 23 de novembro de 2021.- Nenos e nenas do Incio e do Courel lanzan hoxe un vídeo musical con motivo do 25N co que concienciar sobre a violencia de xénero e a igualdade desde o rural.

O Concello do Incio e o Concello de Folgoso do Courel participan conxuntamente nun proxecto financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta co que pretenden traballar na erradicación da violencia de xénero e na súa prevención desde a infancia. Ademais diso, pretenden que o traballo sirva tamén para vincular a igualdade co mundo rural e que sirva de exemplo para outros colexios e colectivos.

Da mesma raíz en Vilasouto

O videoclip será presentado hoxe nos dous colexios e está a ser difundido a través das redes sociais para alcanzar a maior repercusión posible. Trátase, en palabras dos rexedores, de enxalzar o rural e amosar todo o que ofrece, non só na defensa da igualdade, senón tamén a nivel turístico, cunhas imaxes espectaculares de ambos os municipios.

Da mesma raíz’

Para iso, promoveron a gravación dun vídeo que hoxe mesmo dan a coñecer a través das redes sociais, protagonizado polos nenos e nenas do Incio e do Courel. Durante a xornada os nenos e nenas participaron en diferentes xogos e actividades que teñen que ver coa igualdade e co rural para finalmente formar parte da gravación dunha canción e a filmación dun vídeo que leva por título ‘Da mesma raíz’. O nome ten que ver co feito de que todos proceden da mesma orixe (lugar e social) e como tal deben ser tratados por igual.

A canción, inédita, foi composta polo veciño do Incio Xabier Vizcaíno e na súa gravación participaron tamén a súa irmá Lucía Pérez e o mestre Jesús Somoza.

O proxecto foi filmado entre o Incio e O Courel por Salitre audiovisuais e nel destacan tamén as paisaxes dos dous Concellos mesturando a terra coa base do proxecto; a igualdade, a diversidade e o respecto cara a todas as persoas. Trátase de “visualizar para visibilizar”, sexa o rural, a igualdade ou a diversidade, explican.

Desde ambos os Concellos convidan a ver e compartir o videoclip para que chegue ao maior número posible de xente e poida así cumprir a súa función e seguir avanzando na igualdade e na erradicación da violencia de xénero.