O Concello do Incio levará a cabo a contratación de 4 peóns con cargo ao Plan Único 2020 da Deputación de Lugo

O Concello do Incio conta cunha partida de 42.951,12 €, procedente do Plan Único 2020 da Excma. Deputación Provincial de Lugo destinada ao fomento do emprego.

O Concello levará a cabo a contratación de 4 peóns de usos múltiples cunha duración de 6 meses, a xornada completa, para dedicarse a tarefas de mantemento, conservación, desbroce das vías municipais e acondicionamento de espazos públicos.

Deputación Provincial de Lugo

O Concello do Incio avanza en novos acordos de colaboración para afianzarse como destino de natureza e aventura

Mércores, 3 de marzo de 2020.- O alcalde do Incio, Hector Corujo, segue adiante coas reunións de traballo para avanzar en novos acordos de colaboración que permitan á localidade afianzarse como destino de natureza e aventura. No marco destas xuntanzas, o rexedor mantivo un encontro cos membros da firma Greloland cos que abordou a posibilidade de organizar rutas que axuden a poñer en valor o potencial natural do municipio e atraian novos visitantes, unha vez que as normas sanitarias o permitan.

En concreto, desde o Goberno local estudan a colaboración con Greloland para organizar saídas de moto-turismo ou trail, así como outras actividades de vehículos todoterreo ou formativas fóra do asfalto. Se as condicións o permiten, a primeira das rutas de motos de trail podería celebrarse na Semana Santa.

O obxectivo da proposta é ser especialmente coidadosos co medio ambiente e contorna, polo que os vehículos non serán os protagonistas dos plans que se deseñen, senón a natureza, a cultura, a gastronomía e o respecto e o compromiso co medio polo que discorran as rutas.

Visita aos recursos naturais e culturais

A implantación destas rutas turísticas terían como punto de partida o Concello do Incio e estarían deseñadas para visitar os principais puntos culturais e naturais que atesoura a localidade, como a Ruta do Ferro, a do Mamut, a dos Castros, a igrexa de Hospital ou a igrexa da Cruz do Incio, entre outros moitos.

grelolandSerán eventos de aventura con prazas limitadas nos que os asistentes contarán con monitores para levar a cabo todo o percorrido. A participación estará aberta á xente da zona e tamén doutros puntos de Galicia e de fóra da Comunidade.

O rexedor sinala que todos os contactos que se están a manter por parte do Goberno local teñen como obxectivo “poñer ao Incio no mapa do turismo de aventura e de natureza e promocionar todos os seus recursos”. Nese senso, xa se teñen establecido outros contactos desde o Concello, entre os que se atopan as reunións coa empresa de guías turísticas Máis que Románico ou cos membros da directiva do motoclube Lóstregos Lucus.

Máis medidas

Para atraer a novos visitantes, o Concello está habilitando -como parte das obras de mellora da contorna do edificio multiusos da localidade- unha área para o estacionamento de autocaravanas, cos seus correspondentes servizos de saneamento e abastecemento, e fai un esforzo importante para limpar antigos camiños que se aventuran como novos espazos para o sendeirismo.

 

O Concello do Incio repartirá un lote de 25 composteiros domésticos entre as familias da localidade

Martes, 02 de marzo de 2021.- O Concello do Incio vén de adherirse ao programa de compostaxe doméstico de Sogama a través do cal repartirá nos vindeiros días un lote de 25 composteiros domésticos individuais aos veciños e veciñas que os soliciten, de xeito totalmente gratuíto.

Os composteiros poden instalarse no exterior das vivendas ou nas eiras anexas. Trátase de colectores duns 300 litros de capacidade, que veñen acompañados dun pequeno manual de instrucións no que se explica cómo realizar o proceso da compostaxe de xeito correcto.

O Goberno local considera que a compostaxe é parte da solución para contribuír á redución da pegada medioambiental, para mellorar a nosa contorna e reducir a factura do lixo. Son residuos que non van producir contaminación e que se van aproveitar para xerar enriquecemento do solo dentro da propia vivenda.

O proceso é limpo, non produce cheiros e non necesita mantemento.

Con esta técnica, ademais da obtención de compost, conséguense importantes beneficios ambientais e económicos, tendo en conta que os concellos poden ver reducida a frecuencia de recollida do lixo convencional, así como o importe da factura que deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra.

 Solicitudes

As persoas interesadas en facerse cun destes colectores domésticos poden solicitalo no Concello do Incio en horario de oficina chamando ao teléfono 982 42 70 14.

composteiro (1)