O Concello do Incio aproba uns orzamentos para o 2021 que ascenden a 1.319.454 euros

Venres, 29 de xaneiro de 2021.- O Concello do Incio vén de aprobar no seu primeiro pleno telemático (4 concelleiros participaron en liña e 5 desde a Casa Consistorial) celebrado hoxe os Presupostos municipais para o ano 2021 que ascenden a 1.319.454 euros. As contas obtiveron os votos a favor do equipo de Goberno, do PP, e a abstención do PSdeG-PSOE.

A esta contía aprobada hoxe haberá que sumarlle a achega do Plan Único da Deputación de Lugo, que ascende a 291.000 euros. Unha vez se incorpore esta cantidade, o Goberno local destinará a investimentos preto de 220.000 euros do Plan.

As contas aprobadas hoxe destinan 30.000 euros a inversión para obras de reparación. A este investimento sumarase unha partida de 37.720 euros procedentes do Plan Único para obras, aos que hai que sumar preto de 25.000 euros máis de actuacións que serán cofinanciadas pola Xunta de Galicia.

Engádese tamén unha partida municipal de 9.900 euros ao Plan de mellora de camiños municipais da Xunta de Galicia, que hoxe mesmo publica o DOG.

A prioridade, as persoas

O alcalde, Héctor Corujo, subliña o “importante esforzo” que es está a facer en gasto social, con especial atención ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxo orzamento medra cada exercicio. No ano 2018 o custo dese servizo foi 189.031,83 euros, no 2019; 217.275,60 euros, no 2020 227.238,90 euros e “temos a firme vontade de ser capaces de seguir prestando o servizo a todos os que nolo soliciten e incluso incrementar o número de usuarios”, precisa.

Tamén destaca os recursos que se destinan a financiar actividades para os veciños e veciñas, así como o servizo de madrugadores posto en marcha en colaboración co CEIP Ricardo Gasset para axudar na conciliación da vida familiar e laboral, entre outros.

O Concello do Incio seguirá percorrendo o mundo a través das súas postais viaxeiras

Xoves, 7 de xaneiro de 2021.- O Concello do Incio lanza de novo en colaboración con Correos, a súa postal viaxeira, como xa fixo o pasado ano, para promocionar o municipio polo mundo a través das redes sociais. De novo a fotografía elixida foi feita por Tariq Dajani, da Casa da Cabaza, e nela pódese ver o embalse de Vilasouto.

O Goberno local fixo entrega de 800 exemplares desta postal cos calendarios locais de 2021 que tamén está a repartir entre os veciños e veciñas. A idea é que envíen a postal, que leva o franqueo pagado, a familiares e amigos que vivan ou estean polo mundo e que estes lles manden a foto de volta dos lugares aos que chega. Outra opción é que a leven nas viaxes que fagan e que compartan os destinos a onde chegan a través das redes sociais.

“É unha maneira máis de seguir dando a coñecer O Incio e ver o lonxe que chega”, explica o alcalde, Héctor Corujo, e de que as persoas que reciben a postal, por lonxe que se atopen, queiran vir a coñecernos ou saber de nós. Un reclamo máis do noso Concello”, indica.

Moi boa repercusión da iniciativa

Agradece tamén a participación que tivo a iniciativa ao longo do ano 2020 no que a postal viaxeira coa imaxe da igrexa de San Pedro Fiz chegou a diferentes destinos, moitos deles nacionais, e tamén a países como Francia, Italia, Polonia, Malta, Escocia, Reino Unido, Austria e incluso cruzou o charco e chegou ata Cuba. Todas as fotos foron compartidas nas redes sociais do Concello do Incio.

 

 

O Goberno municipal invita aos veciños e veciñas a compartir as fotos das súas postais, ben sexan deste ano ou do anterior, a través das redes sociais mencionando ao Concello, tanto no Facebook, como no Twitter ou no Instagram.