O Concello do Incio levará a cabo actuacións de promoción turística durante o 2020 con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo

Luns, 9 de novembro de 2020.- O Concello do Incio conta cunha partida de 8.743,51 € procedente do Plan Único 2020 da Excma. Deputación Provincial de Lugo destinada á promoción turística do municipio.

As actuacións que se levarán a cabo consisten en gastos de promoción do Rally Terras do Incio que un ano máis fai promoción do Incio polas diferentes localidades que percorre, na elaboración de gorras e parasois promocionais para os participantes no Rally Terras do Incio, a adquisición de paraugas, insignias protocolarias e estuches promocionais, e a edición e impresión de calendarios personalizados con imaxes do Concello do Incio para o reparto entre veciños e visitantes.

Estas actuación teñen como obxectivo dar a coñecer o Concello e a súa riqueza turística coa finalidade de atraer potenciais visitantes ao municipio.

Deputación de Lugo

O Concello do Incio promove actividades formativas gratuítas dirixidas a traballadores ocupados, autónomos ou en situación de ERTE

Xoves, 5 de novembro de 2020.- O alcalde do Concello do Incio, Héctor Corujo, vén de asinar un convenio de colaboración con Foro de Formación y Ediciones S.L. para a difusión de actividades formativas dirixidas a traballadores ocupados, autónomos ou en situación de ERTE.

O Goberno local subscribe este acordo co propósito de mellorar as competencias profesionais e a inserción laboral dos veciños e veciñas a través da realización de actividades formativas de carácter gratuíto enmarcadas no ámbito da formación profesional para o emprego.

O Concello do Incio comprométese a divulgar e publicitar as accións formativas pactadas co Centro de Formación entre os colectivos de traballadores que cumpran cos requisitos de matriculación. O Centro é o encargado de impartir as actividades, de carácter subvencionado, e de expedir os correspondentes diplomas.

Os cursos que se ofertarán este mes de novembro son os que seguen:

Deseño e mantemento de instalacións de enerxía solar (100 horas)

Desenvolvemento web para comercio electrónico (150 horas)

Introdución á apicultura tradicional e ecolóxica (40 horas)

Usuario profesional de produtos fitosanitarios nivel cualificado (60 horas)

Sistemas de calidade en industria alimentaria (70 horas)

Enerxías renovables, especialidade en biomasa (70 horas)

Envasado de produtos alimentarios (50 horas)

Xestión e organización da explotación agraria (55 horas)

Competencias dixitais básicas (60 horas)

Formación básica para limpezas xerais (40 horas)

Elaboración e conservación de alimentos (30 horas)

Extinción de incendios forestais (45 horas)

Título

Os alumnos recibirán un título homologado pola FUNDAE que acredita a superación do curso e o número de horas que realizaron. A acción formativa será supervisada polo  SEPE, o que avala a garantía e o rigor do ensino que cursarán os  alumnos e alumnas rexistrados.

Inscrición

As persoas interesadas en anotarse nos cursos deberán chamar ao Concello do Incio (982 42 70 14) en horario de 09:00 a 14:00 horas.