O Concello do Incio entregou un pack de protección familiar para seguir combatendo o coronavirus

Mércores, 23 de setembro de 2020.- O Concello do Incio repartiu ao longo deste ano un pack de protección familiar fronte ao coronavirus co que poder seguir dando cumprimento á normativa e ás recomendacións que están a facer as autoridades sanitarias.

Este material adquirido con cargo ao Plan Único 2020 da Excma. Deputación Provincial de Lugo, foi distribuído coa axuda do Goberno municipal, persoal de Protección Civil e axentes medioambientais da Xunta, unha vez as autoridades sanitarias decidiron recomendar o uso xeralizado das mascarillas en espazos públicos.

O Goberno local agradece tamén a colaboración dos veciños e veciñas ao longo de todo o estado de alarma e recorda a necesidade de seguir estremando as precaucións para rematar coa pandemia.

A Deputación de Lugo colabora co Concello do Incio a través do Plan Único 2020 para sufragar gastos correntes derivados da COVID-19 cunha cantidade de 6.000 €, fondos que esta Administración destina a este reparto entre os veciños e a por a disposición do persoal do Concello o material necesario para poder seguir prestando os servizos públicos coas axeitadas garantías sanitarias.

Deputación de Lugo

O Concello do Incio colabora cos veciños e veciñas nun acto de apoio aos traballadores e usuarios da residencia

Mércores, 16 de setembro de 2020.- O Concello do Incio colabora cos veciños e veciñas que decidiron organizar un acto de apoio aos traballadores e usuarios da residencia o vindeiro sábado día 19. A idea xorde, tal e como explican eles mesmos, para darlles ánimos tanto ao persoal que está a traballar no centro, como a todos os usuarios que viven nel nestes momentos complicados que sofren.

O acto consistirá nunha concentración dos veciños e veciñas enfronte da residencia ás 13:00 horas do sábado no que a escritora natural do Val do Mao, Marica Campo, fará a lectura dun texto de alento. De seguido procederán a darlles un aplauso para que o poidan escoitar desde a residencia.

Os organizadores da iniciativa convidan aos veciños e veciñas e aos familiares dos usuarios da residencia a participar neste acto simbólico co que pretenden insuflarlles ánimo e recordarlles “que contan co apoio e o cariño de todo o pobo”.

Esperanzados

Lembran que existen moitos datos para a esperanza, como o cribado aos 170 veciños e veciñas no que todos deron negativo e os 17 usuarios da residencia que veñen de curarse. “Queremos que isto sirva como un xesto de cariño e unha mostra de unión dun pobo que loita xunto e tamén que a xente de fóra saiba que ao Incio se pode vir”, precisan.

O Goberno local do Concello do Incio colabora con esta iniciativa que definen como “moi positiva”. Ademais de participar no acto, desde o Concello encargaranse de seguir limpando e desinfectando os espazos públicos para seguir combatendo o virus, ao tempo que seguen trasladando o seu total apoio, ánimo e colaboración ao persoal e usuarios da residencia desde que se declarou o gromo da covid-19.

O Concello do Incio agasalla con alxibeiras a todos os nenos e nenas do CEIP Ricardo Gasset

Xoves, 10 de setembro de 2020.- O Concello do Incio vén de facerlle entrega ao CEIP Ricardo Gasset de alxibeiras personalizadas co nome de cada un dos nenas e nenas que a partir deste xoves inician o curso escolar 2020-2021.

As riñoneiras foron personalizadas cos seus nomes e cada unha ten unha cor agrupadas en función das aulas que ten o centro, que este ano suma 24 alumnos e alumnas.

O Goberno local pretende con este agasallo facilitar o período de adaptación ao alumnado con este material no que cada neno pode gardar as súas pertenzas. A maiores, incorpora unha bolsiña na que poden gardar as máscaras cando van ao comedor.

Ao mesmo tempo, o centro arranca o curso tras ter adaptado todas as medidas e o protocolo anti-covid, o que garante que as aulas sexan seguras. Así, instaláronse dispensadores de xel, disponse de termómetros, carteis informativos e outro material complementario para que todo o mundo cumpra as normas.