O Concello do Incio pon en marcha un ‘coworking rural’ para estudantes e profesionais

Sábado, 25 de xuño de 2020.- O Concello do Incio vén de habilitar un espazo de traballo en dependencias municipais que vai destinar a ‘coworking rural’ para estudantes de secundaria en adiante e profesionais dixitais.

O alcalde, Héctor Corujo, explica que se trata dun espazo de traballo “cómodo e tranquilo” do que van poder dispor aquelas persoas que estean estudando ou teletraballando e precisen dun lugar con conectividade de banda ampla para levalo a cabo. Os usuarios terán que dispor dos seus propios equipos para realizar o traballo.

Adaptación á nova normalidade

O Goberno local pon en marcha este espazo atendendo ás novas necesidades que a situación sanitaria trae consigo e como unha vía de axuda para aquelas persoas que teñen dificultades de acceso á Internet ou non teñen un espazo físico no que desenvolver o seu traballo.

O espazo foi habilitado tendo en conta todas as medidas de seguridade e recomendacións hixiénicas dispostas polas autoridades sanitarias.

Acceso e conexión gratis

As persoas interesadas poderán facer uso do espazo habilitado para o coworking rural no salón de usos múltiples do Concello en horario de 08:00 a 14:00 horas previa solicitude no Concello do Incio. O acceso ás instalacións será gratuíto, o mesmo que a conexión á rede.

O Concello do Incio articula esta medida para axudar a aquelas persoas que teñen dificultade de acceso á Internet, tanto se viven no Concello do Incio como aqueles que queiran trasladar o seu despacho urbano ao entorno rural ou os que se atopen temporalmente no municipio.

Se a demanda é alta estudarase a posibilidade de crear un espazo con maior capacidade.

O Incio agradece os traballos de roza que está acometendo o servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais

Martes, 21 de xullo de 2020.- O Concello do Incio quere agradecer os traballos de roza que ao longo destas semanas está levando a cabo o Servizo de prevención e defensa conta os incendios forestais (SPDCIF) dependente da Consellería do Medio Rural.

En concreto, están actuando en pistas de Toldaos e Camiño Real ata Foilebar, así como en Hospital, Sirgueiros, Trascastro e algunha outra parroquia.

Son zonas que presentaban abundante maleza, polo que a actuación permite acondicionalas e deixalas nun estado óptimo.

Os traballos teñen como finalidade a prevención de incendios forestais e tamén mellorar os accesos aos propietarios forestais e gandeiros.

Outros traballos

A actuación súmase ás tarefas de roza e acondicionamento que leva a cabo o Goberno municipal desde hai semanas, tanto con traballos a man como con maquinaria.