O Concello do Incio entrega desde hoxe un pack de protección familiar para seguir combatendo o coronavirus

Martes, 19 de maio de 2020.- O Concello do Incio reparte desde hoxe un pack de protección familiar fronte ao coronavirus co que poder seguir dando cumprimento á normativa e ás recomendacións que están a facer as autoridades sanitarias.

O Concello agradece a doazón de 4.000 mascarillas protectoras por parte de Magnesitas de Rubián, e da Farmacia do Incio que, desinteresadamente, entrega as bolsas hixiénicas, as toalliñas e unha unidade de xel dun só uso. Un lote ao que o Concello suma un bote de xel hidroalcohólico de 100 ml. e máscaras infantís reutilizables.

O Concello do Incio leva uns días preparando este material que hoxe comeza a ser distribuído coa axuda do Goberno municipal, persoal de Protección Civil e axentes medioambientais da Xunta, unha vez as autoridades sanitarias decidiron recomendar o uso xeralizado das mascarillas en espazos públicos.

O Goberno local agradece tamén a colaboración dos veciños e veciñas ao longo de todo o estado de alarma e recorda a necesidade de seguir estremando as precaucións para rematar coa pandemia.

 

 

O Concello do Incio habilita un espazo de terraza para os bares da capitalidade

Venres, 8 de maio de 2020.- O Concello do Incio habilitou esta semana un espazo de terraza para o uso dos bares da capitalidade, a maiores do que xa ten cada un deles. Así, os dous bares que hai contarán con tres postos debidamente divididos na Praza do Concello para que poidan empregar cando decidan retomar a actividade.

Trátase de casetas de madeira que foron repartidas en seis espazos iguais, cunha división lateral e un teito de palla, que ocupan unha superficie total de 80 metros cadrados. Un espazo aberto, con sombra, no que os adultos tamén poden levar aos nenos para que xoguen gardando as medidas de seguridade.

O Concello apostou por esta solución para recordar a necesidade de manter as distancias entre persoas e evitar contaxiarse de COIV-19.

Este espazo de terraza será gratuíto para os hostaleiros e será desinfectado de xeito permanente polo Concello para garantir a súa limpeza.

Taxas e impostos municipais

O Goberno local estuda condonar os impostos e taxas municipais de todos os negocios que tiveran que pechar as súas portas por mor do estado de alarma. Todos eles serán informados para que saiban como solicitar esta axuda.

Estas medidas, que se verán completadas con outras nas que xa traballa o Concello, pretenden ser unha axuda para todos aqueles traballadores que viron a súa actividade afectada e sufriron unha diminución nos seus ingresos.