Xoves, 30 de abril de 2020.- O Consello da Xunta celebrado hoxe en Santiago deu luz verde ao proxecto de acordo polo que se autoriza a sinatura do acordo de cooperación entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello do Incio, para a execución das obras de acondicionamento da contorna do Edificio Multiusos, por un importe de cento trece mil noventa e cinco euros con dezaoito céntimos (113.095,18€), e se valora favorablemente a súa tramitación e a dos seus correspondentes expedientes de contratación das obras.
As actuacións propostas van encamiñadas a eliminar o “aspecto duro e gris” que proporciona o aglomerado asfáltico actual da praza. A maiores preténdese dotar á praza dun novo uso, engadindo un punto de estacionamento e servizo de autocaravanas.
Dotarase de tres prazas, de dimensións suficientes e cos servizos correspondentes, co fin de poñer en valor a contorna que rodea ao propio núcleo e que conforma o concello: sendas turísticas, valores patrimoniais e etnográficos…
Preténdense unha serie de actuacións encamiñadas á revitalización da zona da fronte do edificio multiusos que á súa vez o poña en relación coa praza do Concello, e que consisten en acondicionar a chaira de asfalto actual, introducir puntos verdes que lle dean unha escala máis humana, e á vez convértano en algo máis funcional á vez que agradable.
Mellora estética
Coas actuacións propostas, a estética do edificio multiusos mellorará notablemente, daráselle un novo acabado á fachada acorde coas condicións estéticas do plan xeral de ordenación municipal.
Búscase que este punto se converta no lugar de encontro do que actualmente carece a localidade, albergando actividades lúdicas e festivas: festas, xogos, espectáculos, deportes, mercadiños ou calquera acto público.
Actuacións
As obras inclúe a colocación dun pavimento de formigón impreso de distintas tonalidades, que de lugar á formación de zonas distintas e de escala máis abarcable, reducindo a superficie actualmente asfaltada e procurando achegar un punto de cor.
Plantaranse árbores de diferentes tipos que ofrezan sombra e frescura na contorna da zona para pavimentar, pero sen que impidan o uso e a funcionalidade dunha praza que se pretende utilizar.
No lateral esquerdo da chaira que se vai a acondicionar colocarase unha zona de servizo e estacionamento de caravanas, con puntos de luz, auga e evacuación. Entre as tres prazas que se van a crear introducirase un espazo verde que permita unha maior intimidade de cada unha delas.
Acometeranse así mesmo pequenas actuacións encamiñadas a mellorar o uso do espazo, como a colocación dunhas varandas nos laterais da chaira, onde existen uns importantes desniveis sen ningún tipo de protección, así como a eliminación de desniveis e banzos illados que dificultan o tránsito a persoas con mobilidade reducida.