Mércores, 4 de decembro de 2019.- O Concello do Incio aprobou no último pleno ordinario, a proposta da Alcaldía, participar no programa FEDER de renovación de instalacións e alumeado público para colaborar no paso a unha economía baixa en carbono e aforrar o gasto en consumo enerxético. A proposta foi aprobada por unanimidade.
O proxecto de renovación de instalacións de iluminación exterior no Incio ascendería a 522.478 euros, condicionado á obtención de cofinanciamento FEDER.
O acordo sinala que se dispón dunhas instalacións completamente obsoletas con cableado deteriorado e luminarias vellas enerxeticamente ineficientes que é preciso renovar.
Así, proxéctase a renovación das instalacións de alumeado público de titularidade municipal ao amparo da convocatoria de axudas do “Real Decreto 616/2017, de 16 de junio, por el que se regula la concesión directa de subvenciones a proyectos singulares de entidades locales que favorezcan el paso a una economía baja en carbono en el marco del Programa operativo FEDER de crecimiento sostenible 2014-2020”.
En concreto, proxéctase a renovación de practicamente todas as instalacións de alumeado público de titularidade municipal.
A actuación inclúe a instalación de novos cadros de mando e protección, das luminarias, dos brazos ‘yt’ de parte do cableado, e comprobarase o estado de outros elementos que permanezan, polo que se obteñen instalacións renovadas practicamente na súa totalidade.
Colocaranse equipos e elementos de tecnoloxía moderna e alta eficiencia enerxética (tecnoloxía LED, protección térmica e diferencial, acendido mediante programador astronómico, equipos electrónicos multinivel preprogramado …)
Maior aforro enerxético
Todas estas medidas mellorarán a eficiencia e traerán consigo un maior aforro enerxético mediante:
-A instalación de luminarias LED, que presentan uns rendementos moi elevados fronte ás outras tecnoloxías dispoñibles no mercado.
-A obtención dunhas instalacións renovadas, con seguridade de utilización, e que proporcionen un servizo adecuado, cumprindo a normativa vixente e sendo enerxeticamente eficientes.
-A consecución dun importante aforro enerxético, superior ao 70%, cun aforro económico vinculado directamente a este.
-O menor consumo enerxético permite un importante aforro na emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI), principalmente dióxido de carbono (CO2).
Ademais, conséguese un aforro adicional en mantemento debido á instalación de equipos e elementos con 5 anos de garantía mínima (ampliables a 10 anos durante o procedemento de licitación), e as instalacións renovadas esixen un mantemento menor, polo que se producirá un aforro superior ao 80% no mantemento.
Con todo estímase que a achega municipal (20% do importe total) retorne aproximadamente en 2 anos (co aforro económico derivado da redución do consumo, e o aforro económico adicional derivado das menores necesidades de mantemento). En definitiva, obtéñense instalacións que proporcionan un mellor servizo aos veciños e veciñas.