O Concello do Incio inicia unha campaña “porta a porta” para explicar o uso correcto dos contedores de recollida selectiva

Mércores, 20 de novembro de 2019.- O Concello do Incio inicia esta semana unha campaña informativa “porta a porta” para explicarlle aos veciños e veciñas o uso correcto dos contedores para a recollida selectiva.

Ao mesmo tempo, o Goberno local levará a cabo a distribución de contedores amarelos por todo o Concello para optimizar e favorecer a separación de residuos.

A recollida selectiva define o proceso de separación dos residuos sólidos urbanos e o seu depósito en diferentes contedores para que sexan recollidos e posteriormente reciclados.

Entrega de material informativo

Na visita ás vivendas o Concello do Incio fará entrega de material informativo no que se recomenda o reciclado e se dan indicacións sobre cómo facelo. Así, todos os veciños e veciñas disporán dun manual para reciclar os envases no que se lles explica o tipo de envase que debe depositarse en cada un dos colectores, así como unha serie de consellos e suxestións para “separar ben e reciclar mellor”.

Tamén difundirá estes consellos e recomendacións a través das redes sociais do Concello.

Unha xestión axeitada

O principal obxectivo deste proxecto é concienciar á cidadanía e promover a súa colaboración na separación de residuos e que os envases se recollan selectivamente para que teñan a xestión final máis axeitada.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, explica que “temos que intentar que pouco a pouco a separación en orixe sexa un hábito en calquera actividade cotiá”.

Para levar a cabo a campaña o Concello do Incio conta coa colaboración da Xunta de Galicia e de Ecoembes.

O Concello do Incio oferta clases gratuítas de pintura, pilates e ioga a partir do martes día 19

Venres, 15 de novembro de 2019.- O Concello do Incio programa diferentes actividades para os veciños e veciñas que darán comezo o vindeiro martes día 19 de novembro. En concreto, oferta clases gratuítas de pintura, pilates e ioga.

As actividades desenvolveranse nos locais sociais de Barbaín, no Valle do Mao, en Vilademouros e no local multiusoso do Concello, na Cruz do Incio.

O horario será o seguinte:

Pintura, os mércores. No Incio ás 17:00 horas e en Barbaín ás 19:00 horas.

Pilates e ioga. Os martes do Valle do Mao ás 17:00 horas e no Incio ás 18:30 horas. E os venres en Vilademouros ás 17:30 horas.

Inscricións

As persoas interesadas en anotarse poden facelo presencialmente nas oficinas do Concello do Incio ou chamando ao número 982427014.

 

O Concello do Incio organiza unha xornada micolóxica para o vindeiro 16 de novembro

Xoves, 7 de novembro de 2019.- O Concello do Incio organiza unha xornada micolóxica para o vindeiro sábado 16 de novembro a cargo do micólogo Fernando de la Peña Paz.

A xornada dará comezo ás 09:30 horas diante do Concello. Farase unha saída ao campo para a recolección e identificación  de diferentes especies facendo especial fincapé nas variedades comestibles e na súa posible confusión con outras tóxicas.

O desprazamento ata o monte será nos vehículos dos participantes procurando compartir o espazo se hai dispoñibilidade de prazas.

De seguido farase unha observación e clasificación dos cogomelos recolectados e levarase a cabo a preparación e degustación das variedades comestibles.

Xantar en Trascastro

O xantar terá lugar no local social de Trascastro. Ademais da degustación de cogomelos haberá empanada e bebida a cargo do Concello.

Co obxectivo de non contribuír ao deterioro do medio con plásticos descartables, cada participante deberá traer prato, vaso, coitelo e garfo.

 Cartel xornada micolóxicaRecomendacións

Para saír ao monte é recomendable traer roupa e calzado axeitados. Para a recolección de cogomelos precisarase unha cesta e  unha navalla.

A inscrición é gratuíta e deberá realizarse nas dependencias do Concello ou por teléfono ata o día 14 de novembro.

O Concello do Incio resérvase o dereito a cancelar a actividade se as condicións meteorolóxicas non fosen as axeitadas.