O alcalde do Incio, o popular Héctor Corujo, vén de manter a súa primeira xuntanza de traballo desde que foi elixido rexedor co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Tras o encontro, que se celebrou no despacho do presidente da Xunta en Santiago, o alcalde agradece a boa disposición do mandatario galego nos asuntos que lle trasladou.
En concreto, Héctor Corujo manifestoulle a importancia de levar a cabo investimentos para o Concello relacionados coa mellora dos servizos sociais e sanitarios e a mellora das infraestruturas, nomeadamente as que teñen que ver co abastecemento de auga.
O rexedor valora a receptividade que amosou o presidente da Xunta, quen lle indicou que pronto se levarán a cabo melloras nos servizos sanitarios complementarios no Concello do Incio.
“Foi unha reunión moi cordial na que lle trasladei aquelas prioridades para as que pedimos a colaboración da Xunta e penso que a resposta do presidente foi moi positiva e que pronto reverterá no noso Concello”, explica Corujo.