O Pleno da Deputación de Lugo aprobou hoxe por unanimidade o inicio do procedemento de cesión gratuíta da titularidade da Casona, propiedade da institución provincial, ao Concello do Incio. Tamén acordou iniciar a tramitación dun convenio de colaboración entre ambas as administracións, polo que a Deputación achegará 250.000 euros para financiar o inicio dos traballos de recuperación do inmoble.
O alcalde, Héctor Corujo, pon en valor este acordo, froito do esforzo e das numerosas xestións realizadas polo Goberno local ante a Deputación de Lugo para desbloquear unha situación que levaba máis de dúas décadas pendente de solución.
O rexedor destaca a importancia deste avance e insiste na necesidade de formalizar o convenio entre o Concello e a Deputación para que a recuperación do edificio poida facerse realidade. Corujo agradece o compromiso da institución provincial e lembra tamén que a Xunta de Galicia manifestou a súa disposición a colaborar economicamente na mesma medida que a Deputación.
O obxectivo do Concello é recuperar a Casona como espazo público ao servizo dos veciños e veciñas, dando resposta a unha reivindicación histórica do municipio.
As actuacións, cun orzamento de 19.686,39 € + IVE e unha axuda pública outorgada pola Xunta de Galicia por importe de 15.000,00€, cofinanciada nun 80% pola Unión Europea (FEADER) dentro do PEPAC 2023-2027, foron adxudicadas á empresa Ruraliza S.L.U. e consistiron fundamentalmente na limpeza e mellora da plataforma do camiño, canalización de pluviais e sinalización, adecuando e poñendo en valor este sendeiro que une os Concellos do Incio e da Pobra do Brollón na Rede Natura 2000 – Río Cabe.
A XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio celébrase este sábado cun bo día de sol e unha importante afluencia de público na contorna do Concello, onde se reúnen máis de 60 postos.
Artesanía, produtos da terra e gastronomía centran unha xornada que conta tamén con obradoiros participativos, degustacións e actividades para os máis pequenos, entre outras propostas. A música tamén está presente na feira, coa actuación durante a mañá do grupo As Searas.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, acompañado por parte do equipo de Goberno, pola directora territorial de Emprego, Carmen López, e polo deputado provincial Antonio Ameijide, visitou durante a mañá os postos da feira, entre eles os de produtores locais de mel e arandos. Tamén se achegaron á degustación de xamón de porco celta, ofrecida por Cárnicas Teijeiro S.L.
A programación continuará esta tarde con obradoiros abertos de Artesanía de Galicia, ás 16:00 horas, e coa actuación da charanga Sorcha, ás 17:00 horas. Tras o peche dos expositores, previsto para as 20:00 horas, ás 20:30 serviranse iscos de porco celta no guizo e, ás 22:00 horas, a actuación de Somoza Trío pechará a programación.
A feira pon en valor os produtos, os oficios e as tradicións do territorio.
O Incio celebra este sábado, 22 de agosto, a XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra, cunha programación que se desenvolverá ao longo de toda a xornada.
A feira abrirá ás 11:00 horas e contará con expositores, obradoiros abertos de Artesanía de Galicia, actividades da Furgoteca, xogos de habilidade e propostas gastronómicas, entre elas degustacións de xamón e iscos de porco celta.
A música tamén estará presente coa participación do grupo As Searas, a charanga Sorcha e Somoza Trío, que actuará ás 22:00 horas.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo no seu despacho coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para abordar diversos temas de interese para o municipio.
En concreto, ambos os mandatarios abordaron a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación. A presidenta provincial trasladou o seu compromiso de transferir o inmoble ao Concello, así como o de achegar o importe comprometido para a súa rehabilitación, 250.000 euros.
Trátase, segundo explica o rexedor, dunha gran nova para O Incio, despois de que o presidente da Xunta tamén manifestara o compromiso hai uns días de colaborar na súa rehabilitación “na mesma medida en que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas”.
Héctor Corujo explica que estes compromisos que veñen de trasladar ambos os mandatarios se van formalizar coa sinatura dos correspondentes convenios de colaboración, o paso previo para dar comezo ás obras.
Unha débeda cos veciños e veciñas
O alcalde agradece que a Deputación desbloquee a situación e recorda as xestións que o Goberno local ten levado a cabo para que isto sexa unha realidade. “Foi precisa moita insistencia para desbloquear esta débeda histórica cos veciños e veciñas, polo que cremos que camiñamos na boa dirección e que hoxe é un bo día para O Incio”, remarca.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar diversos temas de interese para o municipio.
O rexedor agradece a boa disposición do xefe do Executivo autonómico coas necesidades que lle trasladou.
En concreto, ambos os mandatarios abordaron a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación. O presidente expresou o seu compromiso de colaborar na súa rehabilitación na mesma medida que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas.
Na reunión de hoxe, a primeira que o rexedor mantén co presidente, tamén abordaron outros temas, como a importancia de recuperar o antigo balneario da Ferrería, o estudo do desenvolvemento dun polígono industrial na localidade ou o impulso do itinerario cultural Eufrasiano, para o que se podería optar a axudas da administración galega.
O Concello do Incio promove este verán o campo de voluntariado ‘Territorio Sonoro’, unha iniciativa de carácter artístico e cultural que se desenvolverá entre os días 12 e 23 de xullo nas parroquias de Trascastro, A Ferrería e Hospital co obxectivo de recuperar, conservar e difundir o patrimonio natural, histórico e humano do municipio. O campo conta con 15 prazas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. A iniciativa é de ámbito estatal.
O campo de voluntariado está promovido polo Concello do Incio, conta coa colaboración de Outonía Sociedade Cooperativa Galega e está financiado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata tres días antes do inicio da actividade a través da páxina web xuventude.xunta.gal. O prezo de participación é de 110 euros e inclúe aloxamento, manutención, seguro e todas as actividades programadas durante o campo. Para maior información ponse á disposición o correo electrónico camposdevoluntariado.xuventude@xuntal.gal.
Recuperar a memoria do territorio a través do son
O proxecto busca crear audiopaseos xeolocalizados baseados na convivencia coa veciñanza e na investigación sobre o territorio, xerando novos recursos turísticos sostibles vinculados á identidade local e á cultura rural. A proposta pretende tamén combater estereotipos sobre o rural mediante a participación xuvenil e a creación artística.
Durante os días de actividade, os participantes na iniciativa participarán na recollida de historias e memoria oral, entrevistas con veciños e veciñas, gravación de saberes tradicionais, música e baile popular, así como na selección de espazos de interese patrimonial e emocional das parroquias. Ademais, traballarán na creación de rutas temáticas, na elaboración de guións sonoros e na gravación e edición de pezas de audio inmersivas.
O resultado final será a creación de audiopaseos e arquivos sonoros xeolocalizados que quedarán a disposición do Concello do Incio como ferramenta permanente de dinamización turística e arquivo da memoria local. A programación incluirá tamén unha xornada pública de clausura para compartir coa veciñanza o traballo desenvolvido.
Actividades
O campo completarase con actividades complementarias para coñecer o territorio, entre elas visitas a espazos culturais como A Grelería (O Incio), a SEDE (Sarria) ou o Museo de Pedra de Buxán; unha paseo pola Ruta do Ferro; actividades no encoro de Vilasouto e na área recreativa de Saa; un obradoiro de baile tradicional “A carballesa” e diferentes veladas nocturnas.
A segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio celebrouse este sábado en Eirexalba co obxectivo de reivindicar este produto autóctono e afianzar a iniciativa dentro do calendario gastronómico galego. A cita foi un éxito e conseguiu congregar a máis de 300 persoas no Hotel Hermida Rural.
A pregoeira desta edición foi a cantante Lucía Pérez, natural do municipio. Xunto a ela, o humorista David Amor participou como embaixador do evento. No seu pregón Lucía referiuse ao porco celta como “un símbolo de identidade, de resistencia e de futuro”. Asegurou que apostar por esta raza “é apostar por manter viva a nosa terra, a nosa cultura e a nosa economía local”. Tivo palabras para Ánxel Fole, Marica Campo e para as protagonistas silenciosas da cociña, as mulleres, e remarcou que o Cocido Gourmet “representa o encontro entre tradición e innovación”.
Programa
A programación deu comezo ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada coa colaboración de Bruno Lovelle, na que se ofreceron petiscos gourmet elaborados con Porco Celta como aperitivo. Tras o pregón, celebrouse o xantar, que tivo como prato estrela o cocido, seguido dunha queimada co seu tradicional conxuro.
Ás 18:00 horas terá lugar o concerto do grupo Deloreans, que interpretará versións de temas indie, pop e rock. Xa ás 20:00 horas celebrarase unha cea con iscos ao espeto e, posteriormente, a xornada pecharase cunha noite de destilados selectos e combinados.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destacou que esta segunda edición dá continuidade a un proxecto que naceu coa intención de fortalecer a identidade gastronómica do municipio e respaldar o sector do Porco Celta. Ademais, incidiu en que a meta é que o evento medre progresivamente, gañe visibilidade e se consolide como unha referencia dentro das citas gastronómicas tanto da provincia como do conxunto de Galicia.
A cantante do Incio Lucía Pérez será a pregoeira da segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta, que se celebrará o sábado 14 de marzo no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba. O Concello do Incio organiza esta cita tras a boa acollida da primeira convocatoria, co obxectivo de seguir poñendo en valor este produto autóctono e consolidar o evento dentro do calendario gastronómico galego.
O pregón terá lugar ás 14:00 horas. A elección de Lucía Pérez responde ás súas fondas raíces no municipio e á súa consolidada traxectoria musical, levando o nome do Incio por escenarios de dentro e fóra de Galicia.
Xunto a ela, o humorista David Amor exercerá como embaixador do evento, achegando apoio e visibilidade a unha xornada que suma gastronomía e promoción do rural.
Programa da xornada
A programación dará comezo ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada coa colaboración de Bruno Lovelle. Durante esta sesión previa serviranse petiscos gourmet elaborados con Porco Celta como aperitivo.
Ás 14:00 horas terá lugar o pregón a cargo de Lucía Pérez, e a continuación, ás 15:00 horas, dará comezo o xantar. O menú terá como prato principal o cocido, seguido de queimada con conxuro.
Ás 18:00 horas haberá concerto do grupo Deloreans, con versións indie, pop e rock. Xa pola noite, ás 20:00 horas, celebrarase cea con iscos ao espeto e, a continuación, noite con destilados de selección e combinados.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, sinalou que esta segunda edición dá continuidade a un proxecto que naceu co propósito de reforzar a identidade gastronómica do municipio e apoiar un sector como é o do Porco Celta. Ademais, incidiu en que a intención é que o evento medre de forma sostida, gañando proxección e consolidándose como unha referencia dentro das citas gastronómicas da provincia e de Galicia.
Venda de entradas
O Concello abriu onte o prazo de reservas para participar no II Cocido Gourmet Porco Celta do Incio. As mesas poden reservarse chamando exclusivamente ao Concello do Incio, por orde de chamada ata esgotar as prazas dispoñibles.
As mesas son preferentemente para 12 comensais e teñen un prezo de 50 euros por persoa. Tamén se poderán reservar, ao mesmo prezo, os ocos soltos que queden libres. No caso de completarse o aforo, elaborarase unha lista de agarda.
A reserva considerarase formalizada unha vez efectuado o pagamento no prazo máximo de tres días; de non realizarse, a mesa quedará liberada. O pago poderá facerse en efectivo no Concello do Incio ou mediante ingreso no número de conta que se facilitará no momento da chamada.
Para máis información e para formalizar as reservas, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello do Incio a través do teléfono 982 42 70 14.
O Concello do Incio agradece a colaboración das empresas locais, así como de Asoporcel, Bruno Lovelle e a Xunta de Galicia.
Coa sinatura deste Convenio de colaboración, Turismo de Galicia contribuíu cun importe total de 30.000,00 € na posta en valor da marca Galicia, a través do apoio á divulgación turística e cultural do Concello, impulsando o desenvolvemento cultural, económico e turístico do Incio mediante o programa “Verán no Incio 2025” que se constitúe en 4 eixos principais: deporte e natureza, cultura da terra, cultura e natureza e seráns no Incio.
Deste xeito, colaborouse na organización durante o mes de xuño en Vilasouto da Regata de Liga Galega Infantil K1/C1 3000 m, durante o mes de Agosto na organización do Festival Terra Brava con gastos de montaxe e actuacións musicais e no Festival Tremeterra sufragando diversos gastos de montaxe e loxísticos. Ademais, o Concello programou diversas actividades culturais e de ocio na Cruz do Incio nos meses de Xullo e Agosto, tales como o Circo do Lume, Uxía Lambona, contacontos, festa infantil da escuma ou a actuación de “Louband” o día 22 de agosto durante a Feira de Artesanía, entre outras.