
A XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio celébrase este sábado cun bo día de sol e unha importante afluencia de público na contorna do Concello, onde se reúnen máis de 60 postos.

Artesanía, produtos da terra e gastronomía centran unha xornada que conta tamén con obradoiros participativos, degustacións e actividades para os máis pequenos, entre outras propostas. A música tamén está presente na feira, coa actuación durante a mañá do grupo As Searas.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, acompañado por parte do equipo de Goberno, pola directora territorial de Emprego, Carmen López, e polo deputado provincial Antonio Ameijide, visitou durante a mañá os postos da feira, entre eles os de produtores locais de mel e arandos. Tamén se achegaron á degustación de xamón de porco celta, ofrecida por Cárnicas Teijeiro S.L.

A programación continuará esta tarde con obradoiros abertos de Artesanía de Galicia, ás 16:00 horas, e coa actuación da charanga Sorcha, ás 17:00 horas. Tras o peche dos expositores, previsto para as 20:00 horas, ás 20:30 serviranse iscos de porco celta no guizo e, ás 22:00 horas, a actuación de Somoza Trío pechará a programación.
A feira pon en valor os produtos, os oficios e as tradicións do territorio.
