
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo no seu despacho coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para abordar diversos temas de interese para o municipio.
En concreto, ambos os mandatarios abordaron a situación na que se atopa a Casona da Cruz do Incio, propiedade da Deputación de Lugo e que leva anos á espera de rehabilitación. A presidenta provincial trasladou o seu compromiso de transferir o inmoble ao Concello, así como o de achegar o importe comprometido para a súa rehabilitación, 250.000 euros.
Trátase, segundo explica o rexedor, dunha gran nova para O Incio, despois de que o presidente da Xunta tamén manifestara o compromiso hai uns días de colaborar na súa rehabilitación “na mesma medida en que o faga a institución provincial de cara a recuperar o inmoble para convertelo nun espazo público aberto para os veciños e veciñas”.
Héctor Corujo explica que estes compromisos que veñen de trasladar ambos os mandatarios se van formalizar coa sinatura dos correspondentes convenios de colaboración, o paso previo para dar comezo ás obras.
Unha débeda cos veciños e veciñas
O alcalde agradece que a Deputación desbloquee a situación e recorda as xestións que o Goberno local ten levado a cabo para que isto sexa unha realidade. “Foi precisa moita insistencia para desbloquear esta débeda histórica cos veciños e veciñas, polo que cremos que camiñamos na boa dirección e que hoxe é un bo día para O Incio”, remarca.