O Concello do Incio organiza o 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta

cocidogourmetXoves, 27 de febreiro de 2025.- O Concello do Incio organiza para o vindeiro sábado 15 de marzo a primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta, co obxectivo de reivindicar este produto e de ser un atractivo turístico gastronómico tanto na Comarca como a nivel galego.

O xantar celebrarase no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, a partir das dúas da tarde e contará co pregón da escritora da localidade Marica Campo, elixida para esta primeira cita por ser “un referente cultural desde o medio rural galego”.

Antes da comida haberá unha cata a cargo de Adegas Guímaro e contarase con Terra Brava como adega convidada. Ademais do cocido, o menú tamén estará composto por sobremesa e queimada.

Unha cita con continuidade
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, explica que con esta cita se pretende revalorizar o porco celta, que conta no municipio coa maior explotación deste tipo de animais, ao tempo que se busca que sexa un acontecemento turístico e gastronómico que teña continuidade e cada ano gane adeptos.
En canto á pregoeira, o rexedor destaca as súas orixes, a súa vinculación persoal e da súa obra literaria co medio rural e o terse convertido “nunha das maiores e mellores expoñentes da cultura do noso país”.

Venda de entradas
As persoas interesadas en participar neste evento culinario poden facerse coas súas entradas no Concello do Incio ou facendo a reserva nos números 982 42 70 14 e 604 01 72 64. A mesa de 12 comensais ten un prezo de 540 euros, mentres que a entrada solta se pode adquirir por 46 euros. A asistencia é con venda anticipada.

O Concello do Incio agradece a colaboración nesta primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta das empresas locais que se sumaron á iniciativa, así como de Asoporcel, Adegas Guímaro e a Xunta de Galicia.