O Concello do Incio adquire un camión para o punto limpo móbil

O Concello do Incio adquire un camión que funcionará como punto limpo móbil co que mellorar o servizo de recollida do lixo grazas a unha axuda do programa operativo FEDER GALICIA. Esta axuda, que alcanza un total de 56.603.80 €, dos cales 907,00 € se corresponden a gastos para a campaña de difusión e sensibilización do novo servizo, permitiu ao Concello adquirir un camión con grúa, basculante e punto limpo móbil con 8 compartimentos cos que mellorar a recollida selectiva de residuos. Este servizo percorre de forma periódica e por intervalos de tempo, diferentes localizacións do municipio para que os veciños poidan depositar diferentes residuos sen ter que desprazarse. Á súa vez, vese reforzado o servizo trimestral de recollida de enseres voluminosos ao contar cun vehículo propio para elo.

Os residuos que se poden depositar no punto limpo móbil son: pilas e baterías, aceites usados, vidro, plásticos, papel e cartón, pequeno electrodoméstico, roupa e calzado, lámpadas e tubos fluorescentes.

Grazas a este novo equipamento, preténdese acadar un medio ambiente máis limpo e concienciar a poboación do Concello da importancia da reciclaxe, reducindo a cantidade de residuos non separados na actualidade e reducindo os vertidos incontrolados.

Trátase dun proxecto subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e coofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER GALICIA 2014-2020.
134347100_417972102892863_3337808790470331935_o.