O Concello do Incio renovará 1.154 luminarias do alumeado público

Martes, 3 de marzo de 2020.- O Concello do Incio vén de recibir unha resolución pola que se estima favorable a solicitude de axuda para a renovación de instalacións de iluminación exterior no conxunto do municipio.

A subvención concedida polo Instituto para la diversificación y el ahorro de la energía (IDAE) para a renovación no alumeado público exterior consiste na renovación das luminarias existentes (VMCC e VSAP) por luminarias LED máis eficientes.

En concreto, substituiranse 1.154 e actuarase en 64 dos 95 cadros de mando para adaptalos á normativa vixente.

Un aforro enerxético do 62,02%

Con esta actuación diminuirá a potencia contratada de 70,11 kW a 39,29 kW, conseguíndose un aforro enerxético estimado do 62,02%.

O investimento total no proxecto ascende a 522.478 euros, dos que o IDAE achega un importe máximo de 417.982,40 euros ao amparo das subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. A contía restante correspóndelle pagala ao Concello.

O alcalde, Héctor Corujo, subliña a importancia de ter acadado esta subvención, posto que vai permitir a renovación da iluminación en todo Concello, ao tempo que suporá un importante aforro na factura que se viña pagando polo consumo de luz pública.