Mércores, 12 de febreiro de 2020.- O Concello do Incio valora o remate dos traballos de rehabilitación do firme da estrada de acceso á presa de Vilasouto acometidos pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) desde a estrada LU-644 á coroación da presa.
O alcalde, Héctor Corujo, explica que se trataba dunha actuación “moi necesaria” debido o mal estado que presentaba o firme.
As obras foron adxudicadas por 62.921 euros á empresa ACOVAL.
A CHMS, a titular da vía
O pasado mes de agosto o rexedor do Concello do Incio, Héctor Corujo, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, na que amosou o seu interese, entre outros asuntos, polo arranxo desta estrada que une Laiosa coa presa, así como co mantemento das infraestruturas que son competencia do organismo da conca. Tamén se preocupou polo desbroce da vía que conecta os núcleos de Vilasouto e Mosteiró.
Na mesma reunión, o alcalde propúxolle ao presidente da entidade facer navegable o embalse de Vilasouto, unha proposta que o responsable da entidade se comprometeu a estudar.