Xoves, 7 de novembro de 2019.- O Concello do Incio organiza unha xornada micolóxica para o vindeiro sábado 16 de novembro a cargo do micólogo Fernando de la Peña Paz.
A xornada dará comezo ás 09:30 horas diante do Concello. Farase unha saída ao campo para a recolección e identificación de diferentes especies facendo especial fincapé nas variedades comestibles e na súa posible confusión con outras tóxicas.
O desprazamento ata o monte será nos vehículos dos participantes procurando compartir o espazo se hai dispoñibilidade de prazas.
De seguido farase unha observación e clasificación dos cogomelos recolectados e levarase a cabo a preparación e degustación das variedades comestibles.
Xantar en Trascastro
O xantar terá lugar no local social de Trascastro. Ademais da degustación de cogomelos haberá empanada e bebida a cargo do Concello.
Co obxectivo de non contribuír ao deterioro do medio con plásticos descartables, cada participante deberá traer prato, vaso, coitelo e garfo.
Para saír ao monte é recomendable traer roupa e calzado axeitados. Para a recolección de cogomelos precisarase unha cesta e unha navalla.
A inscrición é gratuíta e deberá realizarse nas dependencias do Concello ou por teléfono ata o día 14 de novembro.
O Concello do Incio resérvase o dereito a cancelar a actividade se as condicións meteorolóxicas non fosen as axeitadas.
