Xoves, 29 de agosto de 2019.- O alcalde do Concello do Incio, Héctor Corujo, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, na que lle propuxo o uso recreativo do embalse de Vilasouto, unha proposta que debe autorizar a CHMS para navegar en augas do seu dominio.
En concreto, o rexedor interesouse pola colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño Sil para posibilitar a navegación na lagoa a través de embarcacións sen motor ou propulsadas con motores eléctricos e non contaminantes, o que podería converter ao Concello e aos municipios limítrofes nun punto de ocio acuático e, polo tanto, nun reclamo turístico.
Múltiples opcións
O alcalde explica que as embarcacións de recreo que poidan usar o embalse non poderán ser a motor para non afectar así na auga que os concellos captan para o subministro, como é o caso de Bóveda. O embalse de Vilasouto, sen uso hidroeléctrico, sería un enclave de excepción para a navegación de recreo a través de pequenas embarcacións, piraguas, táboas de páddlesurf, wind surf ou pequenas embarcación a vela ou pedal, entre outras posibilidades.
“Cremos que se trata dun proxecto con moitas posibilidades de ocio e deportivas, o que repercutiría no turismo da zona”, precisa o alcalde.
Héctor Corujo agradece a boa disposición do organismo autónomo do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e do seu presidente, José Antonio Quiroga, quen se ofreceu a colaborar co Goberno local para avanzar nas posibilidades recreativas do embalse. Ambos acordaron estudar os condicionantes técnicos para poder levar a cabo o proxecto.
Outras demandas
A maiores, tamén abordaron a necesidade do mantemento das infraestruturas competencia da CHMS ao seu paso polo Concello do Incio, como a mellora da estrada que vai de Laiosa á présa ou o desbroce da vía perimetral que conecta Vilasouto e Mosteiró.